luns 10/08/20

Un bronco pleno en Monterrei acorda esixir ao Sergas a reincorporación inmediata da médica de Albarellos

PP, BNG e Veciños de Monterrei, as tres forzas con representación no municipio, reuníronse en pleno extraordinario para acadar un acordo concreto sobre a actuación que se levará a cabo no centro de saúde. A oposición sinalou que, se durante a próxima semana non se inician as obras das instalacións, volverán ás protestas.

José Luis Suárez, o alcalde, mantivo unha actitude estrita na condución do pleno deste luns. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
José Luis Suárez, o alcalde, mantivo unha actitude estrita na condución do pleno deste luns. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A Corporación municipal de Monterrei acordou esta mañá, por unanimidade, requerir ao Sergas o inmediato regreso da médica titular do centro de saúde de Albarellos e iniciar, o antes posible, as pequenas obras de modificación do despacho da traballadora social do municipio para convertilo nunha instalación máis do ambulatorio local. É a principal conclusión dun bronco pleno que levou, incluso, á expulsión dun dos edís do grupo Veciños de Monterrei, logo de que o rexedor local, José Luis Suárez Martínez, lle formulase ata un máximo de tres advertencias. 

WhatsApp Image 2020-07-20 at 20.59.01 (1)Javier Limia, de Veciños de Monterrei, no momento de saír expulsado do salón de plenos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Foi o primeiro acordo tomado pola totalidade dos concellais, aínda que houbo un máis, a proposta do grupo de Goberno local, no que se sacou adiante a aprobación da ampliación do actual consultorio cunha construcción anexa á casa do concello e respectando todos os requerimentos técnicos que o Sergas esixa para unha instalación desas características. Neste segundo punto, a oposición (Veciños de Monterrei e BNG) optaron pola abstención ata non coñecer máis polo miúdo as características do proxecto de ampliación, orzamento e prazos de execución da nova obra. 
A oposición foi a encargada de solicitar o pleno extraordinario deste luns 20 de xullo, no que renunciaron de xeito expreso á retribución que lle corresponde por asistir a el: querían deixar claro que non convocan un pleno extraordinario para cobrar. En palabras de Veciños de Monterrei, o pleno foi solicitado "para que haxa un compromiso claro e por escrito, de todos os grupos políticos, para que se fagan as obras plantexadas, para ampliar as instalacións no tempo máis breve posible e, así, permitir que os profesionais volvan canto antes traballar no centro de saúde". 

Durante o pleno, tratáronse tres puntos clave na parroquia de Albarellos: en primeiro lugar, a recuperación da sala de espera do centro de saúde. A solución proposta polo BNG e Veciños de Monterrei en canto á ampliación, segundo a oposición, é a "máis coherente e barata": utilizar a sala na que se ubica a asistente social, posto que non implicaría novas obras. Veciños de Monterrei explicou que as obras de remodelación levadas a cabo polo alcalde constituíron "un despilfarro de cartos públicos, unha mala xestión e unha mostra da súa ineptitude"

Alberto Rodríguez, concelleiro do BNG no municipio, recriminoulle ao alcalde do PP que, a pesar de ter gastado aproximadamente 300.000 euros na reforma do centro de saúde e do Concello de Albarellos, "non se tomou a molestia de cambiar as portas nin as luces antigas e borrou do mapa a sala de espera". O rexedor de Monterrei recoñeceu implicitamente estas acusacións, admitindo que a reforma, no caso do centro de saúde, podería ser mellorable nalgún aspecto: "A quen non lle pasou, que tras rematar unha reforma na súa casa, se decatou de que a obra se podrería facer outro xeito ou que algo que se fixo non está coma un quería?", preguntaba nun intento de xustificación o alcalde. Unha anécdota que pode ferir moitas sensibilidades, tendo en conta que se está a falar dun dereito fundamental de todos os veciños de Albarellos: o dereito a unha sanidade pública e de calidade. 

A pesar dos desencontros previos, a votación concluíu co voto a favor e por unanimidade: o centro de saúde de Albarellos terá que recuperar a súa sala de espera, e ubicala no emplazamento actual da asistenta social. 

En segundo lugar, foi protagonista o reclamo ao Sergas para que cumpra coa sustitución da médica de Villaza: unha actuación que permitiría o retorno da médica de Albarellos. A plataforma Veciños de Monterrei coñece ben o modus operandi do Sergas, porque entre eles hai varios profesionais sanitarios. A José Luis Suárez recrimináronlle a súa pasividade: "Vostede, como alcalde do PP e nós como traballadores do Sergas, sabemos que a política sanitaria da Xunta é a de recortar servizos no rural", asegurou Carme Sola, a súa voceira. Explican que, se o edil do Partido Popular non tivo en conta as demandas dos traballadores do centro de saúde é porque seguramente teña claro que a intención da Consellería sexa esa. Con dous médicos e enfermeiros xuntos no mesmo centro de saúde, para o Sergas é máis sinxelo cubrir vacacións, baixas ou días de asuntos propios: "Déixase a un médico e a un enfermeiro para todo o municipio e arreglado"

Vostede, como alcalde do PP e nós como traballadores do Sergas, sabemos que a política sanitaria da Xunta é a de recortar servizos no rural

Proposta dos populares

O alcalde do Partido Popular propuxo o inicio dos trámites de ampliación do centro de saúde no exterior da casa consistorial, como mellora do único punto da orde do día suxerido polos membros da oposición. Fíxoo logo de escoitar aos voceiros da oposición e preguntarlles, de xeito expreso, se quería mellorar a moción que eles mesmos tiñan elevada a pleno. Foi nese momento cando José Luis Suárez Martínez, logo das tensión cun dos edís de Veciños de Monterrei, Javier Limia -que acabou fóra da sala de plenos-, expuxo as xestións que neste caso tiña realizadas para axilizar o regreso da médica a Albarellos e aquelas referidas a ampliación das instalacións. Tamén quixo deixar claro Suárez Martínez que "este non deixa de ser un claro movemento de politización dun problema que non existe porque o Sergas xa nos confirmara nun escrito remitido antes de que se decretase a alerta sanitaria que a médica de Albarellos regresaba ao seu posto de traballo", asegurou o rexedor popular. 

WhatsApp Image 2020-07-20 at 20.59.03Un grupo de veciños escoita as explicacións dos concelleiros da oposición logo da sesión plenaria. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

As forzas da oposición entenden que o máis importante para o pobo é a volta dos profesionais sanitarios; pero para o alcalde do PP prima tamén unha ampliación para a que non hai datas, nin proxecto, nin permiso, nin presuposto... Este terceiro punto cerrouse co voto a favor do Partido Popular e a abstención das forzas da oposición. BNG e Veciños de Monterrei admitiron que, se durante a próxima semana non se abre a porta do centro de saúde, volverán ás protestas. 

Ao remate do pleno extraordinario, os edís da oposición explicaron a uns trinta veciños concentrados no exterior do Concello de Monterrei o acontecido na sala de sesión, logo de que o rexedor limitase a un máximo de catro as persoas que en calidade de público podía asistir á convocatoria. 

Un bronco pleno en Monterrei acorda esixir ao Sergas a reincorporación inmediata da...
comentarios