Xoves. 28.03.2024
Amosamos o proxecto que utilizarán Deputación e Concello de Monterrei para a súa posta en valor

Así será o futuro Requeixo

A recuperación do balneario de Requeixo e do seu manancial comeza, aínda que só de xeito estético, a ser unha realidade. Logo do remate dos traballos de desbroce e acondicionamento que xa comezaron, chegarán dúas novas fases: a da posta en valor das estruturas, garantindo a súa estabilidade, e a recuperación do templete ao carón da fonte respectando a súa imaxe orixinal, logo do traballo proxectado polo arquitecto técnico Juan Francisco García Gil. As obras son froito do convenio asinado a tres bandas por Deputación de Ourense, Concello de Monterrei e o propietario do lugar, o magnate luso José de Sousa.

requeixotemplete
O balneario de Requeixo volverá a contar co kiosko que o caracterizou no seu día, reproducido fielmente.

As desbrozadoras xa traballan arreo para retirar a maleza das inmediacións do manancial de Requeixo e das súas construcións, agora en ruína. Os traballos iniciais, que se achegarán aos 40.000 euros de orzamento, teñen como principal obxectivo presentar unha primeira imaxe atractiva do que foi no seu día un polo de atracción de turistas e auguistas. Tanto o entorno da propia planta embotelladora, como da fonte e do seu hotel próximo están xa limpos para deixar entrever o esplendoroso pasado das súas instalacións.

O hotel do balneario foi, no seu día, un dos principais atractivos do entorno de Requeixo.

Non acabarán aí as actuacións, en todo caso. Os traballos que arestora se executan deixarán paso a tres novas fases moito máis ambiciosas e que recuperarán grande parte do esplendor perdido pola instalación. Estos tres últimos compromisos, avalados pola Deputación de Ourense e con fondos reservados do coñecido como Plan Termal, suporán unha importante posta en valor da súa riqueza histórica, logo de que o seu propietario e magnate portugués, José de Sousa Cintra, accedese a asinar un convenio de colaboración a tres bandas entre o ente provincial, Concello de Monterrei e Aguas de Fontenova.

96.000 EUROS MÁIS PARA OUTRAS DÚAS FASES

Así, segundo puido saber este medio, nos orzamentos da Deputación Provincial están contemplados 96.000 euros que permitirán actuar non só na consolidación das actuais estruturas senón tamén na recuperación integral dunha instalación emblemática para o entorno, como o é o seu templete a carón do manancial. Non serán as únicas actuacións que se leven a cabo, paralelamente a elas a Deputación de Ourense xa ten encargado un estudo xeolóxico e químico para determinar as características específicas da auga que alí mana e a súa potabilidade para o consumo humán. Ademais, prevese aventurar una cantidade de extracción mínima que lle dea cobertura ao quiosco de auguistas que seguindo a súa apariencia histórica se pretente recuperar.

Simulación do aspecto que proxectará a instalación unha vez rematen os traballos de recuperación (AUTOR: Juan Francisco García Gil).

Tanto o Concello como o ente provincial saldan, en grande medida, unha débeda histórica co entorno de Requeixo, que terá que ser un principal catalizador das visitas ao noso municipio

José Luis Suárez Martínez, o rexedor do Concello de Monterrei, amosou a súa satisfacción pola iniciativa "que se levará a cabo contando coa colaboración de Deputación de Ourense e do seu plan termal, que fai da potencialidade das aguas desta provincia un obxectivo prioritario", apuntou, para asegurar, de seguido, "que creo que con esta actuación, tanto o Concello como o ente provincial saldan, en grande medida, unha débeda histórica co entorno de Requeixo, que terá que ser un principal catalizador das visitas ao noso municipio", aventurou.

requeixovistaaereaSimulación de como se verá dende o aire o entorno do balneario de Requeixo cando rematen as actuacións (AUTOR: Juan Francisco García Gil).

Hai un século, a nosa comarca era esplendorosa, e deixouse ir un futuro que agora toca reconstruír cando xa estaba feito e contaba cun recoñecemento nacional e internacional

Esa mesma satisfacción a mostra o autor do proxecto, Juan Francisco García Gil, arquitecto técnico e un apaixoado da memoria histórico-balnearia da vila de Verín e arredores: "Agradezo tanto ao Concello de Monterrei como á Deputación de Ourense ver clara a necesidade de recuperar o entorno dun balneario tan senlleiro como foi o de Requeixo. Hai un século, a nosa comarca era esplendorosa, e deixouse ir un futuro que agora toca reconstruír cando xa estaba feito e contaba cun recoñecemento nacional e internacional", afirmou. 

Así será o futuro Requeixo