xoves 06/08/20
A sala da asistenta social será unha dependencia máis do centro de saúde, ata que non se amplíe cara o exterior

As concentradas suspenden as protestas tras o compromiso de ampliación do consultorio de Albarellos

As veciñas de Albarellos, en Monterrei, e logo de se reuniren co rexedor, decidiron suspender as concentracións unha vez que o alcalde se comprometeu a ampliar o consultorio, inicialmente, ocupando a sala destinada á asistenta social. Con posterioridade, a ampliación decorrerá cara o exterior do edificio consitorial. 

As cazarolas non tardaron en verse subtituídas por bidóns metálicos, moito máis efectivos á hora de abouxar. | FOTO: Noelia Caseiro.
As cazarolas non tardaron en verse subtituídas por bidóns metálicos, moito máis efectivos á hora de abouxar. | FOTO: Noelia Caseiro.

Os veciños de Albarellos levantaron onte o campamento musical instalado todas as mañás diante do consistorio de Monterrei. Polo de agora, e á espera de acontecementos e que o rexedor local, José Luis Suárez, manteña o seu compromiso; quedan en suspenso as protestas. Así o decidiron nunha asemblea este venres pola mañá logo de escoitar as explicacións que a súa representante, Aurora López, lles proporcionou tras a reunión que o xoves mantivo co alcalde do municipio, a arquitecta Ana Carrajo e unha delegación dos concentrados.

Segundo lles informou o primeiro edil, Suárez Martínez, o Sergas vén de autorizar de xeito expreso a reapertura do consultorio e a instalacións dos equipos informáticos precisos, agora que o contedor de obra instalado no exterior do edificio fará as veces de sala COVID. Foi a arquitecta a que asegurou que era posible adaptar o despacho da asistenta social como nova dependencia do centro de saúde, e mesmo se lle indicou á representación veciñal que, como así adiantou Diario do Támega, as instalacións médicas serían ampliadas, "pero xa nunha actuación a longo prazo", apuntou o rexedor
A folla de ruta queda, pois, do seguinte xeito: as obras de reforma para adaptar o despacho da asistenta social comezarán de xeito inmediato; iniciaranse os trámites que permitan unha ampliación do consultorio no exterior da Casa do Concello e agardarase a que a doutora desprazada a Vilaza regrese, como moi tarde, o vindeiro 16 de agosto. 

O Sergas, sen persoal de substitución

Anuncio, este último, que non contentou moito aos veciños e veciñas. Para os habitantes da localidade, agardar preto dun mes máis sen médica é inadmisible: a volta de María Gallego, prevista para o 16 de agosto, exténdese demasiado. Algúns veciños afirmaron, durante as protestas nestes últimos días, que non podían desprazarse ata Vilaza debido á súa avanzada idade ou a que non dispuñan dun medio de transporte en todo momento.

Segundo as declaracións da propia Aurora López ao fin da asemblea veciñal deste venres, en coincidencia coa visión presentada polo Concello, "iso xa é competencia do Sergas como organización e, polo tanto, tentarase dar solución a este tema a través da redación dun escrito solicitando a inmediata incorporación da facultativa", apuntou, reclamación que tamén contará co apoio expreso do propio rexedor municial, quen confirmou que asinará a petición.  

Interior do contedor de obra que fará as veces de sala COVID en Albarellos. | FOTO: Noelia Caseiro.Interior do contedor de obra que fará as veces de sala COVID de maneira transitoria. | FOTO: Noelia Caseiro. 

Coa confianza de que se non trata dunha promesa en plena campaña electoral, os habitantes de Albarellos anunciaron que remataban coas concentracións. En palabras de Aurora López, porque "parece que polo menos, o que nós pedíamos, si que se vai facer". A representante da comisión veciñal tampouco se esquece do esforzo dos manifestantes, que se mantiñan fronte ao Centro de Saúde, en ocasións soportando temperaturas insoportables, para reclamar o que consideraban lexítimo. Admite que, polo momento e aínda que, teóricamente, o alcalde respondeu ás súas peticións,"e isto é, en gran medida, grazas ao compromiso veciñal coa causa". 

Pleno extraordinario o vindeiro 20 de xullo

De todos modos, non recomendan aos representantes municipais relaxarse nas súas posturas, posto que os veciños e veciñas máis combativos de Monterrei non dubidarán en regresar ás protestas no caso de que as promesas do alcalde e do Concello, en xeral, non se cumplan. Conclúen, contundente e enérxicamente que nese caso regresarán, se cabe, con máis forza

A vindeira cita á que están convocados os veciños de Albarellos será á do pleno extraordinario e urxente solicitado por Veciños de Monterrei e o BNG, que terá lugar o día 20 de xullo ás 9:00 horas. 

As concentradas suspenden as protestas tras o compromiso de ampliación do consultorio...
comentarios