mércores 03.06.2020
O proxecto Efecto Badalada comeza no Concello lazano unha inmersión no patrimonio sonoro de cinco municipios galegos

Na procura do verdadeiro valor do son das chocas

Dende a esquerda, "Lan" Otero, Rosa Novoa, Francisco Diéguez, Tamara Dosantos e Juan Manuel Collazo, na presentación do "Efecto Badalada" en Laza. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Dende a esquerda, "Lan" Otero, Rosa Novoa, Francisco Diéguez, Tamara Dosantos e Juan Manuel Collazo, na presentación do "Efecto Badalada" en Laza. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O Entroido de Laza é moito máis que un Entroido. O de Xinzo será un sentimento, pero é que o lazano é verdadeira tradición. Só así se explica que un velliño de 94 anos aínda trema ao escoitar o son das chocas case oito décadas despois de que as axustara por primeira vez. Laureano "Lan" Otero ou Rosa Novoa son a viva representación -nunca mellor dito do primeiro deles- de que pola sangue dos de Laza discorre algo tan enxebre que fai do bulir das chocas un son que xa se considera patrimonio inmaterial de parte do camiño a Compostela. 

Así o queren facer ver e entender á poboación os integrantes da asociación Agolada Crea, que veñen de presentar no punto cero do Entroido de Laza, "O forno da Picota", a súa proposta sonora e que deron en chamar "Efecto Badalada", isto é, unha sorte de oferta artística de potenciación e difusión patrominal -material e inmaterial- que ten como eixo fundamental os sons que caracterizan a un pobo ou ás súas xentes. Así, en Laza, onde se estrea este proxecto, farán, por enriba de todo, repenicar as chocas dos seus peliqueiros do xeito que os lazanos teñen de facelas soar segundo o seu característico baile á hora de correr o Entroido pola rúa. Co "Efecto Badalada" perséguese, pois, contribuír á recuperación, protección e posterior difusión dos sons máis característicos das cinco aldeas que visitarán os seus creadores: Laza, e os seus peliqueiros; Chantada e o son das súas tecedeiras; Guitiriz, onde se analizará como soan os pedreiros ao apicoar na pedra; Muxía e as súas palilleiras e, para rematar, as ondas do mar de Fisterra

Así pois, será imprescindible, para completar o espectáculo previsto en Laza, primeiro coñecer de primeira man como é que se conseguen os sons, neste caso os das chocas. E para iso, os organizadores contarán coa presencia de dúas das figuras máis representativas do seu Entroido, un veterano peliqueiro -94 abriles o contemplan, "Lan" Otero- e unha das primeiras mulleres en vestirse como tal, Rosa Novoa. Eles dous estarán presentes no parladoiro convocado para o vindeiro venres ás 18:30 horas no popular "forno da Picota". Alí, cos principais informantes entroideiros, tentarán recompilar e arquivar -para non perder as diferentes tradicións, no caso de Laza, moi vencelladas ao seu Entroido- os son máis característicos de todas elas. 

Na procura do verdadeiro valor do son das chocas
comentarios