Traballadores eventuais contratados polo goberno saínte demandan ao Concello de Laza só uns días despois das eleccións
Apenas uns días despois do proceso electoral do pasado 26 de maio no que o Partido Popular de Galicia de José Ramón Barreal perdía a maioría absoluta no Concello de Laza, varios traballadores eventuais da institución municipal interpuxeron cadansúas demandas ao consistorio para reclamar a regularización da súa situación laboral. Foron polo menos cinco, segundo informaron fontes do novo goberno local do municipio lazano, os traballadores e traballadoras que demandaron ao concello. Estas demandas foron interpostas sen previo aviso e antes de que se constituíra o novo goberno local presidido polo socialista Jesús Blanco Conde en coalición con Xuntos por Laza –En Marea– de Jorge Lorenzo Vila.
O novo rexedor lazano manifestou a súa sorpresa ao respecto asegurando que a situación “é moi chocante porque estas persoas foron contratadas dunha forma anómala”. Para Blanco Conde, o máis sorprendente é que estes traballadores municipais que levaban “ata cinco anos” nesa situación, “precisamente empecen a formular as demandas apenas dous días despois de que o alcalde saínte perdese as eleccións”. “Nin sequera viñeron falar co novo alcalde para ver se regularizabamos a súa situación antes de formular a demanda”, conclúe o alcalde socialista que apenas leva un mes no cargo.
Blanco Conde: “Nin sequera viñeron falar co novo alcalde para ver se regularizabamos a súa situación antes de formular a demanda”.
Entre os demandantes, destaca a actual cónxuxe do exalcalde popular, que realizaba labores de coordinación dos GES –grupo de emerxencias supramunicipal– dende o seu posto en GRUMIR –grupo municipal de intervencion rápida–. Xunto con ela, outros dous traballadores dos GES, un traballador da brigada de obras –ao que xa non se lle renovou o contrato por estar en situación de fraude de lei– e unha técnico de emprego; pretenden coa súa demanda que a xustiza obrigue ao concello a regularizar a súa situación de xeito que deixen de ser eventuais. De resolverse a demanda ao seu favor, a situación suporía para o consistorio “unha carga económica superior á que tiñamos contemplada”, segundo afirmou Blanco Conde. Polo momento, o novo goberno local xa confirmou que ían defender os intereses do concello nos xulgados.