martes. 23.04.2024
O alcalde non foi quen de retirar a Lorenzo Vila da Mancomunidade, cos votos en contra de PP e Xuntos

Todos contra todos en Laza... aínda que non o pareza

4-3-2, co líbero que ben podería ser o secretario municipal Santiago Lorenzo, e sen porteiro que atalle os balóns longos ás veces, outros cruzados, que se enviaban na Corporación municipal lazana.

Así está o reparto de forzas nun Concello onde pregoan aquelo de que "apoiaremos o que sexa bó para Laza" pero que logo non dubidan en atacarse entre todos, iso si, cos populares na liña de defensa, agazapados. 

Sesión plenaria en Laza, este martes 16 de xuño. | FOTO: Noelia Caseiro.
Sesión plenaria en Laza, este martes 16 de xuño. | FOTO: Noelia Caseiro.

Hora e media de pleno e, malia as boas intencións manifestadas polos xa agora voceiros da oposición, José Ramón Barreal Novo e Jorge Lorenzo Vila de que apoiarán todo aquelo que "sexa bó para Laza", a sesión, que non podería calificarse de bronca, si deu pé para que destapasen as principais miserias de cada grupo político ou, alomenos, as que así as entenden aqueles que as tentaron facer públicas. Acusacións cruzadas de infructuosas xestións, novo repaso ao facebook dalgún dos integrantes da Corporación e só un punto no que a unanimidade foi a protagonista: o que tiña que ver co Entroido e o convenio cunha produtora para seguir traballando nun documental de promoción da maior festa por excelencia do municipio

Unha vez máis, por se é que quedaba aínda algunha dúbida entre os electores, a fenda do pacto do grupo de Goberno quedou máis que acreditada, non só polo sentido do voto nalgunhas das propostas da alcaldía, senón tamén pola serie de reproches a un e outro bando. Con todo, quedou tamén acreditado que poida que PP e Xuntos por Laza coincidan levantando a man en contra do rexedor, pero as súas posturas non están tan próximas como se poidera imaxinar.

Jorge Lorenzo, de Xuntos por Laza, utilizou a súa quenda, expresamente autorizada polo alcalde, aínda que estaba xa no punto da orde do día de rogos e preguntas, para resucitar un par de fantasmas arquitectónicos que sobrevoan o escenario lazano: "O mamotreto ese" -sinalaba Jorge Lorenzo á inacabada base de operacións e hangar dos servizos de emerxencias de Laza fronte ao Concello e con algún que outro reparo da Dirección Xeral de Patrimonio- e "o bosque feiticeiro, que xa tivo actividade sen ter licencia para abrir e de seguro mantén moitas dificultades para chegar a poder estrearse. Pero todo isto, como moitas outras cousas, este alcalde non quixo investigalo", apuntaba Lorenzo Vila. 
Foi precisamente na oportunidade de preguntas onde Barreal Novo, vello coñecedor dos servizos de emerxencias do Concello, puxo en solfa a xestión que está a protagonizar o xa extinto bipartito local: "Non sabemos se dimitíu ou non o coordinador dos GES, non se están enviando os resumes da actividade ás autoridades competentes, por non facer nin se están facendo os partes das prestacións dos servizos porque leva o ordenador un mes averiado e ata son capaces de deixar ao Concello e aos seus veciños sen servizos de emerxencia mandando a unha procesión en Verín aos dous vehículos á homenaxe aos sanitarios", espetaba Barreal Novo. 

Pero, o rexedor, Blanco Conde, non quixo tampouco perder comba, e ao máis puro estilo Trillo e o seu "manda huevos", reflexionou de xeito similar cando foi interperlado polo líder popular polos trienios e os diferentes procesos xudiciais emprendidos por traballadores do Concello de Laza. Nese momento, Blanco Conde lembroulle ao exalcalde que entre "os beneficiados de xeito discrecional do pago dos trienios estaba a súa dona e a que fora tamén número seis ao Senado pola formación popular". 

O capítulo inconcluso da colaboración entre a entidade municipal e a comunidade de montes en man común de Cerdedelo pola legalización do velorio marcou tamén un amplo espazo de tempo, onde o debate esta vez se dirixíu entre os representantes do colectivo mancomunado e os da Corporación, con Barreal Novo como principal foco da crítica dos comuneiros presentes entre o público. 
Iso si, paradoxas do destino, o voto en contra común da proposta de Blanco Conde de enviar ao terceiro da súa lista -Ricardo Sobrino- á Mancomunidade deixou a Lorenzo Vila no sitio no que estaba na asamblea mancomunada. Como así explicou Barreal Novo, o voceiro popular, cousas das "matemáticas cuánticas". 

Todos contra todos en Laza... aínda que non o pareza