Laza adhirirase ó convenio de aldeas modelo da Consellería de Medio Rural
O pleno no Concello de Laza evidencia a falta de cohesión no grupo de Goberno.
No pleno ordinario de Laza deste xoves, 9 de xaneiro, destacaron dúas cuestións. Por unha banda, abordouse o tema de adherirse ao convenio da Consellería de Medio Rural das aldeas modelo e, pola outra, tratouse o tema dos trienios que lle corresponden aos traballadores.
As aldeas modelo son un programa que promove a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para protexer as aldeas dos incendios forestais. Ademais de facer produtivos terreos que estaban infrautilizados, farase unha investigación real da propiedade das fincas e actualizarase así o catastro para adecualo á realidade. O Partido Popular de Laza propuxo adherirse a este convenio, votando a favor os 9 concelleiros do Concello de Laza.
No tocante ós trienios, dos que xa había partida presupostaria para o 2019, votouse para decidir pagarllos ós traballadores ou non. Na votación, tamén se votou por unanimidade o pago dos trienios. PP e En Marea votaron a favor da urxencia da moción, mentres que o Partido Socialista posicionouse en contra disto.