Traballos de acondicionamento en superficies agrarias

O Plan de Pastos de Galicia suma actuacións en Laza e Vilariño de Conso | NOTICIAS VERÍN

Visita institucional ás actuacións desenvolvidas nos montes de Laza.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou este xoves os concellos ourensáns de Laza e Vilariño de Conso, onde se desenvolveron actuacións para a creación e mellora de dous pasteiros cun investimento conxunto superior aos 200.000 euros.

Segundo explicou a Xunta de Galicia, os traballos executáronse sobre unha superficie total de 28,73 hectáreas e enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, unha iniciativa orientada á recuperación e posta en valor de superficies destinadas á gandaría en extensivo.

Durante o percorrido polos dous municipios, José Balseiros destacou que este tipo de actuacións contribúen ao desenvolvemento rural, á conservación da biodiversidade e dos ecosistemas agroforestais e á prevención de incendios forestais mediante o aproveitamento gandeiro do territorio.

Visita institucional ás actuacións desenvolvidas nos montes Vilariño de Conso.

No caso do concello de Laza, os traballos realizáronse sobre 22,6 hectáreas do monte veciñal da Alberguería, cun investimento superior aos 170.000 euros. As actuacións incluíron labores de roza mecanizada, roturación, encalado, sementado e fertilización. Ademais, executouse un peche perimetral de máis de dous quilómetros de lonxitude, instalouse un bebedeiro e un galpón e mellorouse o camiño de acceso á zona.

Pola súa parte, no municipio de Vilariño de Conso desenvolvéronse actuacións en 6,13 hectáreas do monte de Aceveda ou Coto de Castiñeira, cun orzamento superior aos 42.000 euros. Neste espazo leváronse a cabo traballos de roza e roturación, ademais da retirada e reposición do peche perimetral, que foi ampliado ata superar os 900 metros lineais.

Segundo os datos achegados pola Consellería do Medio Rural, o Plan de Pastos de Galicia permitiu desde o ano 2020 a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento acumulado próximo aos 15 millóns de euros.