viernes. 19.04.2024
arcucelos
O topónimo da localidade inclúe, dende hai días, o adxectivo de "fantasma".

Os que estean a transitar pola OU-0113 camiño de Laza están a atopar estes días un feito singular na localidade de Arcucelos (Laza). Esta aldea pasou de denominarse como tal a engadir o adxectivo de "fantasma", como así o recollen os indicativos da mesma. E é que este sábado, dende as 23,00 horas, a parte vella deste núcleo convertirase, por sexto ano consecutivo, nunha verdadeira vila do terror. Case un cento de persoas estarán ese día traballando para que todo funcione á perfección, entre guías, maquilladoras, figurantes, camareiros, e os propios integrantes do colectivo organizador. 

cartelarcucelosCartel anunciador da sexta edición deste certame rural do terror. 

Un ano máis, o mutismo dende os seus responsables é total. Non queren ofrecer moitos detalles do que arestora se está a cocer en Arcucelos, para non restarlle efecto sorpresa ao que alí se poderá visitar na noite do sábado ao domingo. Si garanten que o terror, os berros, e poida que algún que outro choro dos máis cativos, se dea cando de súpeto asalten aos visitantes as personaxes preparadas para esta sexta edición. 

A presentación, que este ano tamén depara algunha sorpresa, terá lugar ás 23,00 horas na praza da aldea. Dende alí, comezarán o percorrido os diferentes grupos -integrados por un máximo de 10 persoas e sempre custodiados por un guía-, que terá unha duración estimada de media hora. 

A organización resérvase o dereito de acotar o aforo, porque, como din, "non só se cansa a maquinaria que precisamos para os diferentes escenarios, senón tamén as persoas que colaboran en que todo funcione, aínda que faremos todo o posible para que ninguén quede por ver os diferentes percorridos de terror", sinala Óscar Rivero, un dos organizadores. 

Arcucelos pasa a chamarse este sábado "Arcucelos fantasma"