Recoñecemento ao talento do CEIP O Castiñeiro, gañador do VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, subliñou este venres no CEIP O Castiñeiro de Laza a necesidade de seguir traballando para aumentar o prestixio e o emprego da lingua galega entre o alumnado e as novas xeracións. Durante a súa visita ao centro educativo, Pardo fixo fincapé no papel fundamental de iniciativas e espazos como este á hora de difundir a cultura propia e celebrar efemérides que poñen en valor a identidade galega e as persoas que contribuíron á súa construción e preservación, especialmente as mulleres transmisoras da tradición oral.
O delegado territorial avogou por impulsar unha maior presenza do galego nas propostas de ocio para a mocidade, tanto dentro como fóra das aulas, como vía para incrementar o seu uso e prestixio. "O compromiso coa lingua pasa polo seu uso cotiá, e para esta tarefa contamos coa poboación mellor formada de toda a historia, xa que nunca antes tanta xente recibira formación de e en galego", afirmou Manuel Pardo. Tamén gabou a iniciativa dos escritores actuais que animan á sociedade a celebrar o Día das Letras Galegas, instando á promoción da lingua e da cultura galega como tarefa conxunta.
Acompañado polo alcalde de Laza, José Ramón Barreal, o delegado felicitou aos alumnos, alumnas e ao corpo docente do CEIP O Castiñeiro, que resultou gañador na modalidade infantil do VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio co seu traballo O noso son. Nesta edición, o certame estivo dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se rende homenaxe con motivo do Día das Letras Galegas 2025. Pardo animou á comunidade educativa a seguir "facendo medrar a nosa lingua", considerando "imprescindible" fortalecer o seu uso nos espazos de socialización, tanto presenciais como dixitais, onde as novas xeracións se relacionan.
O CEIP O Castiñeiro recibirá un premio de 1.250€ que destinará a melloras no laboratorio/emisora de radio do centro ou a actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca escolar.
Manuel Pardo explicou que a temática dos traballos presentados nesta edición do concurso centrouse nos aspectos bio-bibliográficos das mulleres cantareiras e pandereteiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025 (Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar), a importancia e representación das cantigas populares, a relación entre literatura e música, e o papel da muller na literatura galega.
O delegado territorial subliñou que este certame, convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP en colaboración coa Radio Galega, ten como finalidade estimular a elaboración de produtos radiofónicos en galego, o coñecemento da poesía galega alén da escrita e o seu carácter colectivo, mediante o recoñecemento de boas experiencias.
Finalmente, Manuel Pardo lembrou que esta iniciativa se enmarca no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) das Bibliotecas Escolares, a través do cal a Xunta reforza a formación do alumnado e o seu acceso aos medios de comunicación con propostas que promoven o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio
O certame consta de oito modalidades segundo o nivel de ensino, desde infantil ata bacharelato e outras ensinanzas. Cada centro participante puido presentar ata tres podcasts en lingua galega, cunha duración de entre tres e cinco minutos, que podían adoptar diversos formatos como entrevistas, cuñas publicitarias, espazos de noticias, faladoiros, recitais, debates ou programas monográficos.
Os contidos debían versar sobre as mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, a importancia das cantigas populares, a relación entre literatura e música, ou o papel da muller na literatura galega. Os traballos premiados serán emitidos pola Radio Galega e difundidos na súa páxina web. Nesta edición, puideron participar os 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio, así como outros centros que utilizan o laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.