martes. 23.04.2024
PHOTO-2021-05-21-14-04-53 (1)
A localidade de Castro, en Laza, epicentro do terremoto máis intenso nos últimos oito días. | FOTO: Iván Iglesias.

Poderíase dicir que os veciños do concello de Laza xa están acostumados a sentir pequenos pero habituais tremores da terra nos últimos días. Pequenos, ata esta madrugada, momento no que se rexistrou o terremoto de máis magnitude dende hai oito días. Un tremor inicial de 3,9 graos na escala MbLg, que esta mesma mañá foi modificado a 3,6 Mw. "Cando son tremores de maior intensidade utilizamos a escala Mw -magnitude de momento- que nos aporta unha información máis precisa. Como este foi dunha entidade maior, fixéronse unhas reavaliacións con máis fases sísmicas e máis datos que derivaron nunha redución da magnitude", afima Javier Fernández, sismólogo da Rede Sísmica Nacional.

Este sismo foi de maior entidade que os anteriores e fixéronse reavaliacións con máis fases sísmicas para obter unha información máis precisa (Javier Fernández)

Un terremoto dunha maior entidade que foi sentido incluso fóra das fronteiras provinciais, chegando a varios puntos da xeografía galega. Dentro delas, tivo moitas testemuñas que así llo confirmaron a este medio. "Nós sentímolo en Bousés. Esta mañá buscamos información e vimos que foi de 3,9. Pareceunos unha magnitude moi alta para esta zona", asegura Marina Freitas, veciña da localidade de Bousés, en Oímbra. Teoricamente, a nosa comarca queda fóra da listaxe de lugares con alta sismicidade. Non obstante, e seguindo a tendencia da última semana, o Instituto Xeográfico Nacional non descarta que continúe a actividade. "Non é de estranar que se sigan producindo máis sismos nos próximos días".

É probable que se sigan producindo máis sismos nos próximos días (Javier Fernández)

Pero, sen dúbida, os máis sorprendidos foron os veciños de Castro e Tamicelas, epicentro do terremoto. Un equipo do Diario do Támega vén de visitar o lugar onde aínda non logran entender a situación. "Ao principio escoitei un ruído. Mesmo pensei que se derrubara o muro que está construíndo o meu marido. Despois xa comezou a tremer o chan. Dinme conta de que era outro terremoto", afirma Eva Salgado, veciña de Castro. "Estabamos no sofá vendo a televisión e de repente escoitamos un 'boom'. Puxémonos un pouco nerviosos ao principio pero xa estamos afeitos a que veña un detrás doutro", conta Luís Añel, o seu marido. Tamén, para Bieito Rodríguez, trátase do terremoto máis importante que viviu dende que ten uso de razón. "Foi o máis impactante de todos. Xa estaba na cama e, de repente, moveuse bastante a estrutura da casa. Notei moito o movemento".

PHOTO-2021-05-21-14-04-53Luís Añel, testemuña do terremoto en Castro, co muro que está a construír. | FOTO: Iván Iglesias.

Non pasou inadvertido tampouco para os habitantes da veciña localidade de Laza, onde tamén se viviu intensamente. "Vivino mal, vivo soa, e asusteime moito. Sentín como se movían as persianas de maneira brusca", conta Camila Estévez. "A conta de que pasa isto agora? Non sei por que estará pasando, pero por cousas boas non", engade. A incertidume convive cos veciños de todo o concello dende hai máis dunha semana e está en aumento cada día. "Paréceme case imposible que haxa tantos en Laza e no seu contorno. É algo que non entendo", afirma Gumersindo Fernández, veciño de Laza.

Polo momento, dende o Instituto Xeográfico Nacional non aportan ningunha explicación clara para esta sucesión de terremotos na zona aínda que afirman, "atópase dentro da normalidade".

NOTICIAS VERÍN | A Rede Sísmica Nacional ve 'probable' que se produzan máis terremotos...