Unhas obras previstas para o 2023

NOTICIAS VERIN | A base da BRIF de Laza será renovada cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros

Bombeiros forestais na súa base de Laza. | FOTO: Iván Iglesias

A Brigada de Reforzo contra os Incendios Forestais de Laza estreará novas instalacións. Será despois de que, dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ao que pertencen, leve a cabo unha actuación para modernizar e ampliar toda a base -que non está previsto que mude de lugar-.

Segundo informaron dende o Miteco, a execución consistirá na retirada dos módulos actuais -edificio da tripulación, almacéns e zona técnica- para desviar o camiño existente e, con isto, lograr unha maior anchura.

A renovada base da BRIF constará dun edificio principal que albergará todas as dependencias necesarias do colectivo para o desempeño do seu traballo, estando dotada ademais de almacéns exteriores, zona de aparcadoiro e porches ao aire libre, entre outras infraestruturas.

Unha das actuais zonas comúns. | FOTO: Iván Iglesias

Este edificio estará composto por dúas alturas. A planta baixa acollerá unha zona destinada aos bombeiros forestais, outra aos capataces, ténicos, pilotos e mecánicos das aeronaves e a última, para servizos comúns. Tamén contarán cun comedor exterior cuberto, con mesas e bancos cunha capacidade para 30 persoas; ademais dunha barbacoa e unha fonte de auga nas inmediacións.

Tamén está prevista a construción dun edificio almacén, separado do principal; e a instalación dun sistema de extinción de incendios e salvamento na helipista, á que unha vez rematada a obra, se lle engadirá iluminación. 

Todas estas actuacións contan cun investimento de 2.680.000€ e está previsto que se acometan no 2023, cun prazo de execución estimado de 22 meses.