Os pacientes permanecen en situación de illamento domiciliario

Unha moza de 17 anos, entre os seis infectados no gromo de Soutelo Verde, en Laza

Punto de recollida de mostras para as probas PCR, no hospital de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O seguemento dos contactos dun caso importado de Covid-19 detectado este sábado nun home de 54 anos de idade no Concello de Laza deu lugar á detección nesta mañá de cinco casos máis, confirmados por PCR, todos eles con nexo familiar. Os cinco novos casos coñecidos corresponden a dous homes de 84 e 59 anos, dúas mulleres de 80 e 53 anos e unha moza de 17 anos de idade. Dende o primeiro momento activouse o protocolo de identificación, control e seguimento dos seus contactos estreitos e realización das probas diagnósticas correspondentes. Neste momento os pacientes se atopan en situación de illamento nos seus respectivos domicilios a seguimento polos profesionais sanitarios dos seus centros de saúde e o seu PAC e serán monitorizados polo plataforma TELEA para o seguimento constante e o control na evolución dos seus síntomas.

Ante a posibilidade de novos contaxios, a Consellería de Sanidade segue a traballar co obxectivo de limitar o risco de novas infeccións, tomando as medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables a esta situación.

Unha vez máis, desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras instan á poboación a manter a vixilancia e seguir cumprindo as instrucións das autoridades sanitarias: hixiene de mans frecuente, emprego de máscara e distancia de seguridade e, ante calquera síntoma compatible coa infección, como tose, febre, cansazo..., quedar na casa e evitar o contacto con outras persoas, ata recibir instrucións desde os seus centros de saúde ou PAC.

Cumpre tamén recordar que ante o habitual dos reencontros familiares nestas datas, e tendo en conta a situación epidemiolóxica dalgunhas comunidades con fortes vínculos coas nosas poboacións, dende o Sergas lembran novamente a importancia de manter as medidas de seguridade, extremando as precaucións nas comidas e xuntanzas familiares.