Xoves. 28.03.2024
pleno laza
O Pleno celebrado en Laza no día de hoxe. | FOTO: M. D.

O Concello de Laza celebrou esta mañá un novo pleno ordinario con varios temas na orde do día. Comezou, ás 12 da mañá, coa proposta de rectificación de dous puntos establecidos na moción de reprobación ao alcalde polas probas selectivas do Obradoiro. Estas rectificacións foron aprobadas por unanimidade

Máis tarde, o portavoz e exalcalde do PSdeG-PSOE, Jesús Blanco Conde, presentou unha moción contra a nova Lei de Saúde de Galicia. "A reforma desta lei, que quere establecer un estado permanente de alarma, atenta contra os dereitos fundamentais de todos e en concreto dos lazanos ademais de faltarlle certeza científica", afirmaba Conde. "Este tema non é competencia do concello de Laza, pero a medida excepcional que estamos a vivir pola alta incidencia da Covid-19 foi validada no día de onte polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E non me veñan falar de incerteza científica, cando temos a varios colectivos vacinados con AstraZeneca e agora non saben que facer con eles", contestaba o alcalde, José Ramón Barreal. A moción proposta polo PSdeG-PSOE foi aprobada con 5 votos a favor e 4 en contra

Tamén se debatiu, como moción de urxencia, sobre a organización e o incremento da masa salarial do persoal laboral do concello que, segundo os partidos da oposición, se fixo "de maneira irregular". "Eu revisei varias nóminas e dinme conta de que a subida do salario se produciu antes de presentar a modificación. En decembro o salario xa cambiara, e a modificación presentouse en febreiro", afirma Jorge Lorenzo, portavoz de Xuntos por Laza. "O traballador non ten culpa, tena a persoa que toma as decisións e que as firma. Vostede non está acostumado a que ninguén o revise", engade. 

Este asunto da xefatura de persoal non ten cabida no pleno. Pero todo se realiza en función das bases de contratación tan pésimas que puxo en marcha o PSOE  (José Ramón Barreal)

Obras no concello

O rexedor de Laza deu conta dunha serie de obras, que forman parte dun Plan Marco xa aprobado, e que se van realizar nos próximos meses. O investimento ascende a algo menos de 500.000 euros.

  • Nova estrada en Trez, Laza e Matamá- 45.800€
  • Sumidoiros en Cimadevila- 96.000€
  • Reforma na praza da Picota- 48.000€
  • Ampliación na praza da Picota, remate de colocación do empedrado e construción dunha avenida de tres metros entre a praza e a casa do concello- 48.000€
  • Equipamento da área de autocaravanas e dotación con servizos de sumidoiros, auga e luz- 18.000€
  • Alumeado público de Laza e unha reforma para luces led- 119.000€
  • Reforma na rúa Barrio- 118.000€

Tamén informou de futuras obras que aínda están pedentes de resolución e que sumarían a esa cantidade 163.000 euros máis, aumentando o investimento total a preto de 650.000 euros. Este gasto súmase aos 15.500 euros destinados á reparación dun camión do concello "dixéronnos que estaba nun estado lamentable", e aos máis de 3000 doutro vehículo "que estaba a estrear e que se estragou por descoido e falta de mantemento".

Despois da orde do día tivo lugar a pertinente rolda de rogos e preguntas.

O Concello de Laza volve celebrar un pleno despois de catro meses