O GES de Laza recibe un novo vehículo de emerxencias valorado en case 120.000 euros | NOTICIAS VERÍN
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou esta semana na entrega dun novo vehículo ao Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Laza. No acto formalizouse co alcalde, José Ramón Barreal, o convenio de cesión deste furgón para servizos varios, que conta cunha valoración económica de case 120.000 euros cofinanciados a través de fondos Interreg Poctep.
Esta nova dotación permitirá optimizar de forma notable os tempos de resposta e mellorar a capacidade loxística e operativa do GES de Laza, ao estar especialmente deseñada para o transporte de persoal, equipamento auxiliar e ferramentas diversas. O vehículo inclúe subministracións esenciais como mochilas extintoras, kits de rescate en altura, equipos de respiración autónoma, batelumes e lanternas. Ademais de contar cunha elevada capacidade de carga, o furgón dispón de tracción integral para intervir en todo tipo de terreos, contribuíndo á mellora da eficacia das actuacións nos concellos de Laza, Castrelo de Val e Sarreaus.
A entrega enmárcase na estratexia global da Xunta de Galicia para dotar os efectivos de emerxencias locais dos recursos necesarios. Nesta mesma liña de actuación, o pasado mes de febreiro entregóuselle tamén ao Concello de Laza unha bomba rural pesada, valorada en 198.000 euros e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.
No conxunto do territorio galego, o investimento en equipamento para servizos de emerxencias municipais, que abrangue tanto aos GES como aos colectivos de Protección Civil, achégase aos 28 millóns de euros, dos cales case 12 millónsforon destinados de xeito directo aos grupos supramunicipais. O Goberno galego asume máis da metade do custo anual de mantemento destas formacións e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento. A maiores, investíronse outros 5 millóns de euros na formación do persoal dende a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
A colaboración institucional articulada garante que estes colectivos sigan prestando un servizo público esencial. Os grupos teñen competencias para intervir en incendios urbanos e forestais, ademais de definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e executar prácticas preventivas a pequena escala para crear descontinuidades na cuberta vexetal da zona.