DESTACAN QUE CADA VECIÑO É LIBRE DE CELEBRAR MENTRES CUMPLA COAS MEDIDAS SANITARIAS

ENTROIDO | Laza non organizará acto ningún nos folións

Peliqueiro con dúas máscaras na Praza da Picota de Laza

Nestas semanas previas á posible organización do entroido as comisións organizadoras e institucións están moi atentas ao avance da sexta vaga da pandemia. A súa remisión, ou non, a tempo condiciona o feito de que estes organismos traten de promover os eventos multitudinarios. A alternativa é deixar liberdade á veciñanza para celebrar do xeito que desexen. 

Polo de agora son os actos das semanas previas ao propio entroido os que están a sufrir as cancelacións. A comisión de festas do entroido de Laza, xunto coa Asociación Cultural EnLAZAdos e o Concello de Laza, decidiron deixar de organizar acto ningún nos folións dos días 4, 11, 18 e 25. Trátase dos catro venres de febreiro.

Do mesmo xeito recalcaron que, tendo en conta a  característica espontaneidade do carnaval lazano, a veciñanza será libre de celebrar estes folións mentres cumpla coas medidas de seguridade e sanitarias.