domingo 08.12.2019
O fallo xudicial sentenza que non existe vulneración dos dereitos fundamentais, tal e como demandaba a ex xefa do GES, María José García

O xulgado do social desestima a demanda por acoso interposta contra o alcalde de Laza pola muller do anterior

A sentenza do Xulgado do Social número dous de Ourense, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, absolve ós demandados das acusacións verquidas contra eles. Nin acoso, nin discriminación por razóns políticas, nin menoscabo da dignidade da traballadora. O fallo tamén rexeita o pagamento de 15.000 euros por danos morais.

 

Jesús Blanco Conde, actual alcalde de Laza polo PSdeG, recibiu a desestimación da demanda por acoso moral interposta contra el.
Jesús Blanco Conde, actual alcalde de Laza polo PSdeG, recibiu a desestimación da demanda por acoso moral interposta contra el.

Cando o actual equipo de goberno do Concello de Laza tomou posesión, logo de gañar as eleccións municipais, non esperaba que a súa reorganización das tarefas dos empregados municipais dera tanto traballo ós xulgados e lles supuxera tantos quebradeiros de cabeza. Unha destas demandas acaba de ser desestimada polo xuíz, absolvendo ó Concello de Laza e ó seu alcalde, Jesús Blanco Conde, das acusacións lanzadas contra eles en sede xudicial. Tampouco terán que pagar os 15.000 euros que se solicitaban como indemnización por danos morais.

María José García Fernández, Xefa de Equipo do GES de Laza que viña exercendo as funcións de coordinación dende había anos, decidiu demandar ó novo Alcalde e ó Concello de Laza ó considerar vulnerados os seus dereitos fundamentais no eido laboral ó retirarlle as funcións de coordinadora do Grupo Supramunicipal de Emerxencias. Perante esta demanda, o fallo xudicial sentenza: "Que desestimando la demanda interpuesta (...) debo declarar y declaro no haber lugar a la misma y en consecuencia, absuelvo a los demandados de las pretensiones en su contra".

Consideraba García Fernández vulnerada a súa garantía de indemnidade; é dicir, que lle quitaran as funcións de coordinación como represalia pola súa anterior demanda na que reclamaba o carácter fixo da súa relación laboral co Concello de Laza. Nembargantes, a sentenza declara que: "En el presente caso no consta se haya producido vulneración de la garantía de indemnidad, por cuanto no consta acreditado que el Concello de Laza conociese la demanda presentada reclamando la fijeza de la relación laboral antes de adoptar la medida de supresión de funciones, por lo que difícilmente puede ser una represalia a dicha reclamación".

Subliña a sentenza que existen outros traballadores do Concello de Laza que tamén presentaron demandas con idéntica pretensión, a do recoñecemento dunha relación laboral de carácter fixo, sen que exista represalia algunha por parte do goberno municipal.

DIGNIDADE INTACTA

A pesares de estar contratada como Xefa de Equipo, María José García, ademais das funcións propias da súa categoría, viña realizando outras tarefas que nada tiñan que ver co seu posto de traballo. Tarefas como a xestión de persoal en cuestións de horarios, baixas ou vacacións. Tal e como recolle a sentenza: "Dichas funciones le fueron retiradas realizando, actualmente, las funciones propias de su categoría profesional, realizando las funciones al igual que el resto del personal GES".

(...) no existiendo al respecto indicio alguno de una conducta de acoso moral o mobbing.

Entendía García Fernández que a retirada de funcións non propias da súa categoría profesional producía un menoscabo na súa dignidade como traballadora, facendo máis penosa a prestación de servizos. A sentenza xudicial di, agora, todo o contrario. Recoñece o exercicio das tarefas que viña realizando, pero tamén afirma que a retirada de ditas funcións non implica vulneración de ningún dereito fundamental, "(...) y mucho menos que la realización de funciones propias de su categoría (...) suponga menoscabo alguno de su dignidad pues son las que le corresponde realizar", de igual xeito que os outros xefes de equipo.

Subliña o fallo xudicial que a supresión de funcións distintas ás da súa categoría profesional entra dentro do poder organizativo e de dirección que ten o equipo de goberno do Concello de Laza, sen constituír trato denigrante nin que atente contra a dignidade do traballador. No mesmo sentido segue a sentenza respecto á denuncia de sufrir acoso que reclamaba María José García; "No consta indicio alguno de una conducta de acoso u hostigamiento a la actora hecha con el propósito de dañar o causar mal, no existiendo al respecto indicio alguno de una conducta de acoso moral o mobbing".

DISCRIMINACIÓN POR CUESTIÓNS POLÍTICAS INEXISTENTE

Outra das denuncias presentadas na demanda alegaba un trato desigual á traballadora por parte do actual goberno do Concello de Laza por mor da súa ideoloxía política. Na propia demanda, Mª José García afirmaba que ser parella do anterior alcalde, o popular José Ramón Barreal Novo, e participar na campaña das eleccións municipais como afiliada ó Partido Popular propiciou a discriminación por motivos ideolóxicos por parte do actual alcalde de Laza, o socialista Jesús Blanco Conde.
Neste sentido, a sentenza xudicial recolle que non queda probado ningún indicio de vulneración do principio de igualdade nin da existencia dun clima tendente á discriminación por razones políticas. "La supresión de funciones de la actora no obedece a su ideología política, sino a una organización de medios y servicios que se efectúa por quien tiene el poder de dirección y organización".

RECLAMOU AO CONCELLO O MESMO DÍA DO CAMBIO DE GOBERNO

Según recolle o fallo xudicial, queda probado que María José García Fernández leva prestando servizos para o Concello de Laza dende o ano 2001. Nun primeiro momento foi contratada como Oficial de Primeira para o GRUMIR e, posteriormente, como Xefa de Equipo. Logo de superar as probas de selección, viñéronse sucedendo distintos contratos de obra e servicio durante anos.

Non foi ata o 15 de xuño deste ano 2019, xusto o día no que tomaba posesión o novo goberno en Laza, cando a traballadora reclamou xudicialmente a declaración de carácter fixo da súa relación laboral co Concello de Laza. En sentenza xudicial recoñeceuse en primeira instancia a fixeza da relación laboral, contra a que se interpuso recurso de suplicación que segue pendente de fallo xudicial.

O xulgado do social desestima a demanda por acoso interposta contra o alcalde de Laza...
comentarios