viernes. 19.04.2024
Así o comunicou José Ramón Barreal Novo á Corporación, no primeiro pleno que preside como alcalde

O Concello de Laza suspende todas as actividades públicas en espazos abertos

José Ramón Barreal Novo presidiu o primeiro pleno da súa etapa como alcalde de Laza, logo de recuperar o bastón de mando tras a renuncia de Blanco Conde. Designou aos seus tenentes de alcalde e, coñecidos os casos de coronavirus adiantados por Diario do Támega, decretou a suspensión de todas as actividades públicas en espazos abertos

José Ramón Barreal Novo volveu a recuperar hoxe o sillón presidencial do salón de plenos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
José Ramón Barreal Novo volveu a recuperar hoxe o sillón presidencial do salón de plenos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Foi un pleno de trámite, onde como datos máis salientables, se coñeceron os nomes dos novos tenentes de alcalde do Concello de Laza e dos membros da xunta de goberno. Víctor Saínza, Lidia Diéguez e Lorena Costa incorpóranse como edís do Partido Popular ao equipo de Barreal Novo, ocupando igualmente e por esa orde as primeiras, segundas e terceiras tenencias da alcaldía. 

Tamén se deu conta da renuncia de Pablo Pazos Amado, concelleiro de PSdeG que presentou a súa demisión pouco despois do pleno de elección de novo alcalde. Saúl Castro García, hostaleiro da vila lazana, ocupará o seu lugar na Corporación polo partido socialista. 

Foi, pola contra e como así confirmou o rexedor Barreal Novo "despois de que a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo, me chamara onte pola noite para darme conta dos novos casos coñecidos", o coñecemento dos novos casos de COVID en Laza -adiantados por Diario do Támega- o tema que acabou monopolizando a curta sesión deste mediodía. O alcalde informou ao resto dos grupos que "tratándose de que xa somos unha poboación de risco polo coñecemento deses novos casos, decretei a suspensión de todas as actividades públicas ao aire libre. Falei tamén con todos aqueles establecementos que tiñan preparados algún tipo de evento, como era unha paella no Regueiro Seco, o pincho sábado que organizaran cinco locales de Laza e as clases de zumba previstas para o día 8 de agosto", afirmou Barreal Novo. 
Deulle a palabra ao resto de portavoces da xa oposición, Jesús Blanco e Jorge Lorenzo, quen tamén advertiron, o primeiro, "de que o risco para este Concello vén agora, porque o COVID segue estando aí", antes de tomar a súa quenda Lorenzo Vila, que reclamou unha campaña de concienciación da máscara entre a poboación. 

O Concello de Laza suspende todas as actividades públicas en espazos abertos