luns 06.07.2020
Nun extenso comunicado culpa ao voceiro de En Marea de "ningunealo" en non poucas ocasións

O alcalde de Laza di que Xuntos por Laza "rebentou o pacto ao invadir dende o primeiro momento competencias miñas"

Jesús Blanco dálle un verdadeiro repaso en catro folios de comunicado ao que ata hoxe ao mediodía era o seu tenente de alcalde. Xustifica a decisión de cesar aos dous concelleiros de Xuntos por Laza pola "traizón, deslealdade, ignorancia e acoso a este alcalde". Gobernará en minoría, aínda que estará aberto a acordos puntuais. 

Jorge Lorenzo Vila, no último pleno no que actuou como tenente de alcalde de Laza. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Jorge Lorenzo Vila, no último pleno no que actuou como tenente de alcalde de Laza. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Era a crónica dunha morte anunciada dende hai meses, e así acabou acontecendo. Esta mesma mañana, os dous concelleiros de Xuntos por Laza enterábanse case pola prensa de que viñan de ser destituídos de todas as súas responsabilidades no grupo de Goberno lazano. Tamara Dosantos, a segunda de Jorge Lorenzo e concelleira de Servizos Sociais, acudía esta mesma mañá -cara última hora- ao Concello para xestións doutra índole e mesmo o rexedor, Jesús Blanco, lle chegou a ofrecer un bombón e saudala de maneira afectuosa. Mentres iso ocorría, o secretario municipal traía xa entre mans os dous decretos ordenados pola alcaldía de Laza, nos que quedaban sen competencias directas os dous edís de Xuntos por Laza e pasaban a convertirse en concellais "rasos" sen poder executivo algún nos órganos de Goberno lazanos. Acabaron enterándose da decisión do alcalde socialista pola chamada do técnico municipal, que lle daba conta da decisión do socialista Jesús Blanco Conde de continuar o seu mandato en solitario. 

O tenente de alcalde, non só foi por libre dende o primeiro momento, senón tamén que invadiu competencias da alcaldía e doutros concelleiros a espaldas de todos (Jesús Blanco Conde, alcalde de Laza)

Nun extenso documento explicativo da decisión, o rexedor lazano responsabiliza da súa medida, de xeito exclusivo, ao seu tenente de alcalde, Jorge Lorenzo: "O tenente de alcalde, non só foi por libre dende o primeiro momento, senón tamén que invadiu competencias da alcaldía e doutros concelleiros a espaldas de todos. Hai numerosos exemplos, como o de dar ordes e intruccións concretas aos operarios de obras sen contar co concelleiro pertinente (...), solicitar motu proprio a subvención prevista pola Deputación Provincial para o fomento de actividades escénicas e musicais para o Entroido de Matamá, non só obviando absolutamente senón ninguneando ao alcalde coa pretensión de acaparar e difundir a actividade coma se fose da exclusividade da tenencia; (...) solicitar precipitadamente, sen contar co alcalde, o camión da Deputación para a desinfección do COVID-19 sen terse detectado ningún foco de infección -aínda que despois, nun comunicado á veciñanza, o rexedor tentou atribuírse a xestión perante o organismo provincial- ou mesmo aparecer en obras que competía recibir ao alcalde media hora antes da prevista", explica o rexedor lazano no seu comunicado. 

Malia todo, prosegue Blanco Conde, "en aras de manter a estabilidade do Goberno, confeso que equivocadamente non só permitimos ou toleramos estas veleidades e inxerencias, senón que deixamos tamén que practicamente todas as obras e servizos subvencionables fosen escollidos por eles". 

"Traizón, deslealdade, ignorancia e acoso ao alcalde"

Non se queda curto o rexedor socialista na súa exposición de motivos, e chega incluso a acusar aos que ata hoxe eran socios de Goberno de "traizón, deslealdade, ignorancia e acoso ao alcalde", asegurando veladamente que Xuntos por Laza pactou de maneira expresa co Partido Popular non incorporar determinadas mocións na orde do día do pleno do día 9 de xaneiro para que máis tarde fose votada a súa urxencia e posterior debate, como así aconteceu. 

E así, con ese público nivel de crispación da política municipal, que era fácilmente apreciable nas redes sociais dunhs e doutros simpatizantes, chegouse ao pleno do debate dos orzamentos do 2020 onde, segundo Blanco Conde, "os numerosos brotes de deslealtade agromaron e acabaron dando o froito esperado, facendo novamente pinza co PP (...). Tento en conta todo isto -xustifícase o alcalde-, en concreto que dous dos compoñentes do grupo de Goberno non só fan política contra este Executivo, senón que votan conxuntamente co PP contra él, este grupo municipal socialista e este rexedor vense abocados a comunicar á veciñanza que en adiante o Goberno local será dirixido sen contar co grupo de En Marea", conclúe Blanco Conde no seu comunicado.  

O alcalde de Laza di que Xuntos por Laza "rebentou o pacto ao invadir dende o primeiro...
comentarios