se o participante opta por xantar logo da proba deportiva, o custe da inscrición será de 15 euros

A décimo primeira edición da marcha BTT de Monterrei deste domingo terá dous percorridos, de 62 e 42 kilómetros

Presentación da XI Marcha BTT no Concello de Monterrei. Asistiron Rosendo Fernández (vicepresidente da Deputación), José Luis Suárez (alcalde de Monterrei), Diego Matías (coordinador da proba, á esquerda) e Kiko Calviño (presidente do clube BTT Verín, á dereita).
O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación da décimo primeira edición da marcha BTT de Monterrei, que tamén transitará por terras dos veciños municipios de Oímbra, Verín, e algún de Portugal. Haberá un par de rutas, de 62 e 42 kilómetros. Poderase xantar ao rematar se se pagan os 15 euros fixados pola organización. 

Os máis avezados ao ciclismo de montaña teñen este domingo un motivo para saír das súas casas a dar pedal, e incluso volver a elas xantados. O Concello de Monterrei, en colaboración coa Deputación de Ourense e o clube BTT de Verín, organizan a décimo primeira edición da súa marcha por terras non só de Monterrei, senón tamén de Oímbra, Verín e mesmo Portugal

A XI Marcha BTT de Monterrei ofrecerá aos participantes dous posibles percorridos de 62 e 42 quilómetros, de dificultade media-alta e de dificultade media, respectivamente. A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o coordinador da proba, Diego Matías; e o presidente do Club BTT de Verín, Kiko Calviño.

A proba, que comezará ás 9,30 horas, discorre por pistas veciñais e camiños rurais de diferentes localidades do municipio. “Ambas rutas solápanse durante unha parte do percorrido que pasa tamén polos municipios de Oímbra, Verín e Portugal”, sinalou Diego Matías, quen explicou que as probas están deseñados para “poñer en valor os recursos culturais e naturais do concello e da comarca”. Os interesados en participar poden anotarse en sportmaniacs. Os prezos da inscrición son de 15 euros para as rutas longas e curtas con xantar incluído, e 12 euros para os acompañantes. No caso de que non se opte polo xantar, só se deberá aboar a cantidade de 5 euros para as rutas longa e curta.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que pretende “fomentar o deporte da bicicleta, dar a coñecer os recursos naturais e a importancia da súa conservación, dinamizar a comarca e concienciar á xente dos beneficios que ten o deporte para a saúde”, dixo Rosendo Fernández.

AMPLO E ATRACTIVO PROGRAMA CULTURAL E DEPORTIVO

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, agradeceu á Deputación de Ourense a súa “colaboración permanente” para poder desenvolver actividades lúdico-deportivas e animou á xente a visitar o municipio de Monterrei que nesta fin de semana “ofrece un amplo e atractivo programa cultural e deportivo, co concerto de Luar na Lubre, o venres; as visitas teatralizadas no castelo, o sábado; e con esta marcha BTT, o domingo”.