NOTICIAS VERÍN | A cativada terá a súa particular revolta irmandiña miúda
A comarca de Monterrei prepárase para vivir unha experiencia única coa chegada da primeira edición da Revolta Irmandiña, unha carreira de obstáculos que tamén pensa nos máis pequenos. Baixo o nome de Irmandades Miúdas, a organización presenta unha proposta feita á medida da infancia e mocidade, ofrecendo unha oportunidade para que nenos e nenas de 6 a 16 anos se convertan en auténticos Irmandiños nunha contorna natural e chea de historia.
Promovida polo colectivo KTORCE, a iniciativa nace cun claro obxectivo: combinar deporte, cultura e territorio para crear unha actividade que vaia máis alá do simple entretemento. "Queremos que a infancia e a xuventude sintan que este evento tamén é para elas", sinalan desde a organización.
A actividade estrutúrase en dúas modalidades adaptadas por idades:
-
De 6 a 11 anos: circuíto seguro na área da Preguiza con dez obstáculos (saltos, redes, equilibrios...) e participación de balde.
-
De 12 a 16 anos: percorrido de 3 km con 15 desafíos físicos que discorre pola contorna natural entre a Preguiza e A Pousa. A inscrición custa 16€ e inclúe camiseta e medalla.
Ademais de fomentar hábitos saudables e o coñecemento do medio, Irmandades Miúdas aposta pola inclusión, a sostibilidade e a dinamización local, impulsando o patrimonio natural e humano de Monterrei.
As inscricións xa están abertas na web www.arevoltairmandinha.ccnorte.com e tamén se pode seguir toda a información nas redes sociais @acarreirairmandinha.