Verín e Viana do Bolo, entre os centros recoñecidos nos Premios Innovagal da Xunta
A Xunta de Galicia vén de distinguir o labor de oito centros educativos e dunha aula hospitalaria nos Premios Innovagal, uns galardóns impulsados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para visibilizar experiencias innovadoras nas aulas. Entre os recoñecidos atópanse centros de Verín e Viana do Bolo, xunto con outros municipios como Porto do Son, Valga, O Porriño, Rianxo, Tui, Mañón e o espazo educativo do Hospital de Vigo.
Estes premios poñen o foco en proxectos que introducen cambios metodolóxicos, fomentan a participación activa do alumnado e impulsan o traballo cooperativo. O obxectivo é destacar boas prácticas en innovación educativa e convertelas en referentes para o conxunto da comunidade escolar.
Na categoría de Educación Infantil, Primaria e centros de Educación Especial, o primeiro premio recae no Colexio Plurilingüe de Campanario (Porto do Son), o segundo no Colexio Rural Agrupado de Valga (Valga), o terceiro no CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo) e a mención de honra no CEIP Francisco López Estrada (Mañón).
No apartado de Educación Secundaria, centros públicos integrados, Educación para persoas adultas e aulas hospitalarias, o primeiro premio é para o IES Carlos Casares (Viana do Bolo). O segundo galardón compárteno o IES Xesús Taboada Chivite (Verín) e o IES Ribeira do Louro (O Porriño), mentres que o terceiro premio é para o IES Indalecio Pérez Tizón (Tui). A mención de honra nesta categoría recae na aula hospitalaria do Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo).
Os premios están dotados con 10.000 euros para o primeiro posto, 6.000 para o segundo, 3.000 para o terceiro e 1.000 euros para a mención de honra. As propostas presentadas debían enmarcarse nos ámbitos lingüístico e social, científico-tecnolóxico e matemático, así como no de escolas saudables e abertas á contorna, e incluír unha memoria descritiva e un vídeo de presentación.
Verín e Viana do Bolo entre os centros premiados
No ámbito da Secundaria, o IES Carlos Casares (Viana do Bolo) obtivo o primeiro premio con Glaciar, unha proposta que pon en valor o patrimonio natural arredor da Morrena de glaciar de Chaguazoso. O proxecto culminou coa programación e creación de videoxogos vinculados á temática traballada.
O IES Xesús Taboada Chivite (Verín) foi distinguido con Os chivititeiros do Disney Land d’eiquí, unha iniciativa musical que vertebra diferentes liñas de actuación do centro, promovendo inclusión, convivencia, metodoloxías activas e colaborativas, así como valores humanos positivos e pensamento crítico.