mércores 17.07.2019
Santiago Posteguillo presentará o seu libro e premio Planeta, "Yo, Julia"

A segunda edición das Xornadas de Novela Histórica de Verín terán lugar os vindeiros 29 e 30 de marzo

A Biblioteca Municipal de Verín, en colaboración coa Sociedade Antropolóxica Galega, organiza a segunda edición das Xornadas de Novela Histórica, que se desenrolarán na vila os días 29 e 30 de marzo. O recente premio Planeta, con "Yo, Julia", Santiago Posteguillo participará nunha mesa redonda, ademais de presentar a súa última obra. Como novidade, incorporarase un trobador que amenizará as comparecencias dos asistentes.

Noa González, Diego Lourenzo, o teniente de alcalde, e Miguel Losada, na presentación das xornadas.
Noa González, Diego Lourenzo, o teniente de alcalde, e Miguel Losada, na presentación das xornadas.

Xa se coñecen, dende esta mesma mañá, os días nos que terá lugar a segunda das edicións das Xornadas de Novela Histórica de Verín. Os vindeiros 29 e 30 de marzo, a Biblioteca Municipal do Concello, da man da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega), converterán á vila no epicentro cultural do xénero en todo o territorio nacional. Nelas participarán sete autores de primeira fila, entre os que se atopa o recentemente galardonado co premio Planeta, Santiago Posteguillo.

Como novidade nesta edición, amais de pór en marcha unha páxina web onde se poderá obter toda a información do evento (http://www.novhis.bibliotecadeverin.es), os autores presentes no certame de novela histórica poderán facer o seu percorrido acompañados pola música do luthier e trobador Emilio Arias.

O acto de presentación estivo presidido polo tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo, acompañado na mesa polos moderadores do evento, Noa González e Miguel Losada. Lourenzo abriu a súa intervención dando a benvida a este medio de comunicación que hoxe está de estrea, ao que lle desexou os mellores dos éxitos. Destacou ademais o "rotundo éxito da primeira edición da iniciativa, con máis de 650 asistentes" e a necesidade de "seguir apostando pola cultura nesta vila".

"Non haberá en todo o territorio nacional un evento literario de características similares, podémolo dicir ben alto e claro", asegurou na presentación Miguel Losada

Miguel Losada, pola súa banda, apuntou que os "vindeiros días 29 e 30 de marzo non haberá en todo o territorio nacional un evento literario de características similares, podémolo dicir ben alto e claro" e agradeceu o interese do Concello de Verín en manter unhas xornadas que "o só simple feito de que se organicen nunha vila como ésta é un síntoma evidente dos novos tempos que por ela corren". A tamén moderadora Noa González animou a todo o público en xeral a "participar dun xeito activo no evento".

Manterase o formato da edición inaugural, contando de novo coa presenza do novel escritor Alejandro Corral, que dará continuidade ao apartado formativo do certame. Pero será Santiago Posteguillo, o último premio Planeta, unha das más figuras relevantes pola súa actualidade, encargado de moderar unha mesa redonda que levará por título "Novelas históricas sobre la Hispania romana". Manuel Mandianes, o limián doutor en Antropoloxía e Teoloxía, terá a encomenda de inaugurar estas xornadas o vindeiro 29 de marzo ás 18,30 horas no primeiro andar da Biblioteca Municipal. As actividades comezarán xa pola mañá, onde Alejandro Corral dirixirá un obradoiro intensivo de escritura creativa, dende as 11 horas, e para o que será preciso unha inscripción previa.

A segunda edición das Xornadas de Novela Histórica de Verín terán lugar os vindeiros 29...
comentarios