venres 17/09/21
O noso doutor en Filoloxía afonda hoxe nos nomes dos ríos próximos

ONOMÁSTICA | Topónimos de orixe hidronímica

Verín- Obras- Limpeza do Támega- Zona da Pousa_5-min
O río Támega, ao seu paso pola vila de Verín, preto da Preguiza. FOTO: Iván Iglesias.

Támega é un hidrónimo paleoeuropeo que presenta as formas medievais: Tamica, Tamiga. Se temos en conta os actuais topónimos Tamagos e Tamaguelos, probablemente se produciu unha disimilación vocálica: Tamaca = Tamica/Tameca. De aí Tamacanos: Tamagaos>Tamagos.

Mando a Santa Maria de Tamaguelos I morauedi,... E mando a Santa Maria de Tamagoos I moyo antre pan e uiño,... (Ferro, 73)

Transivimus Tamega invenimus iuxta Keizanes archam ... (Celanova, 93)

A raíz indoeuropea: Tam., ou tamén tau-, tai-, tu- e mesmo teme- co significado de “fluír” deixa  “parentes” en Europa e especialmente en Galicia, Támesis, Tambre, Tameiga, Tamuxe, Támoa... Do colectivo ou xentilicio dos ribeiráns do Támega: Tamaganii/Tamaganos derivan Tamagos e Tamaguelos.

Búbal: (formas medievais: Búbale e Buval, probablemente emparentado con Bibei). Quizais relacionado co apelativo greco-lat. Bubalus "búfalo" ou co antropónimo Bubalus (Bovalus) e outros derívano de Bou- indoeuropeo Gwou (boi, vaca). Son moitos os ríos e lugares da Península Ibérica que reciben esta denominación. Descende desde a meseta de As Chas (Oímbra) ata o val de Monterrei para recibir o Rubín e desembocar no Támega a altura de Queizás.

Río Quintas: Na toponimia galega son frecuente Terzas, Cuartas/Cartas, Quintas, que se poden referir, respectivamente, á terceira, cuarta, quinta parte dunha herdade ou a terras aforadas que pagaban a terceira, cuarta parte ou quinta do que recollían ao señor ou mosteiro. A orixe está no ordinal latino quinta. Descende desde a meseta de Vilardevós cara ao val formando o coñecido Pozo do Demo para unirse no seu traxecto final ao río Ábedes antes de unirse ao Támega.

Rubín: (Rubinus). Antropónimo latino creado a partir de Rubius. Existen por Galicia moitos topónimos con esta denominación e de aí tamén outros moitos apelidos. Así mesmo en Verín encontramos 15 apelidos Rubín, dun total de 274 en toda Galicia. O río cruza as localidades de Infesta e Albarellos para unirse ao Búbal no seu traxecto cara ao Támega. Se a orixe estivera no antropónimo Rufini habería que escribilo co -v- e non con -b-. Pero damos preferencia a orixe da primeira forma proposta. En todo caso, non debemos esquecer outras hipóteses sobre a etimoloxía deste río.

O río Támega recibe pola marxe dereita e esquerda outros moitos afluentes de menor importancia hídrica (Regueiro de Queirugás, A Rasela, Ábedes, Abidueiros, Canteiras, Lagoas, Lobedeira, Batoca, Viñas Brancas, Sandín, Atallo, Videiras, Pequeno, Lagoa, Vella, Covas, Moragueiras, Carregal...), todos eles precedidos de Regueiro, Regato e mesmo algún de Barranco.

En xeral, os ríos reciben distintas denominacións segundo a poboación ou territorio que percorren. Así temos que o Rubín recibe a denominación de Río de Albarellos no tránsito por esta poboación. E o Búbal ao seu paso por Vilaza recibe a denominación de Río de Vilaza. Tamén o Támega ao seu paso pola Pousa recibe a denominación de Río Grande. Isto é unha curiosidade da toponímica galega, pois o Anllóns ao seu paso por Xornes se denomina Río Grande ou tamén Río da Pontedona, chegando ao extremo que os habitantes só coñecen a denominación que usan.

ONOMÁSTICA | Topónimos de orixe hidronímica
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade