sábado. 20.04.2024
Todos os representantes dos Concellos recibiron de bo grao a petición do fillo do ilustre antropólogo

A Mancomunidade de Verín creará un arquivo monográfico de Taboada Chivite

O que ía a ser a presentación da segunda edición do premio Xesús Taboada Chivite de antropoloxía, nas oficinas de Mancomunidade de Municipios de Verín, dotado con 6.000 euros, converteuse nun ambicioso e consensuado proxecto que logo da petición do fillo do estudioso verinense, presente no acto, recibiu o compromiso dos representantes municipais alí congregados. Ata chegou a barallarse a acrópole de Monterrei como o escenario ideal para acoller o Museo de Taboada Chivite.

Aínda que os representantes da Mancomunidade de Municipios de Verín estaban convocados para outro fin, da comparecencia no acto do fillo de Xesús Taboada Chivite, Jesús Taboada Cid, no que se deron a coñecer os pormenores da segunda das edicións do premio do prestixioso antropólogo e estudioso verinense, xurdiu o firme compromiso de todos os presentes de botar man da inxente colección de textos e cartas aínda non catalogadas do investigador local, que todavía se conservan, dun xeito moi precario, na casa da familia da rúa Maior.

"Había que buscarlle unha saída a ese fondo que hai alí, porque hai unha cantidade de notas que se debían recuperar", dixo o fillo de Taboada Chivite, Jesús Taboada Cid, no acto de presentación da segunda edición dos premios na honra ao antropólogo verinense

Foi precisamente o fillo de Taboada Chivite, Jesús Taboada, quen tomou a palabra logo do presidente da Mancomunidade, José Luis Suárez, para lembrarlles aos presentes a necesidade de actuar con urxencia nese arquivo: "Había que buscarlle unha saída a ese fondo que hai alí, non sei que se pode facer, pero é que hai unha cantidade de notas que se debían recuperar", dixo Taboada Cid. Luva que tanto o máximo mandatario do ente mancomunado, José Luis Suárez, como o resto do presentes en representación dos Concellos recolleron dando incluso como posible ubicación do museo de Taboada Chivite o castelo de Monterrei.

A iniciativa, que será debatida con posterioridade, propúxose co gallo da presentación, na sede da Mancomunidade de Municipios, da segunda das edicións do premio que leva o nome do famoso e recoñecido antropólogo. Todos aqueles traballos de investigación antropolóxica, arqueolóxica ou histórica poderán optar a un galardón que de novo se convoca, once anos despois da primeira das súas quendas. Poderán concorrer aqueles que, respectando as anteriores premisas, se refiran ao ámbito territorial da antigua Gallaecia ou ás relacións entre Galiza e Portugal. Non excederán as 300 páxinas, aínda que os traballos presentados ao concurso non terán menos de 150, e poderán presentanse tanto en galego, como portugués ou castelán.

Serán propostas inéditas, que poderían chegar a recibir, no caso de resultar a gañadora, 6.000 euros, cantidade que podería quedar deserta se o xurado non fose quen de seleccionar algún dos traballos presentados.

Os interesados terán entre os días 1 de xullo e 1 de setembro deste 2019 para facer chegar as súas obras, debendo manterse en todo momento, ata o fallo do tribunal, no máis absoluto dos anonimatos.

AGRADECEMENTOS DO PRESIDENTE SUÁREZ MARTÍNEZ

José Luis Suárez Martínez, alcalde de Monterrei e presidente da Mancomunidade, aproveitou, na presentación do premio, para agradecer públicamente, non só aos familiares presentes (Jesús e Adolfo Taboada) a súa comparecencia; senón tamén á Deputación de Ourense, aos concellos de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós "pola súa colaboración no financiamento da dotación económica de 6.000 euros"; moi especialmente ao Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, que será o encargado de designar ao xurado de expertos que avaliará os traballos, e tamén tanto á Biblioteca Municipal de Verín, "pola súa labor de difusión da cultura e na promoción da lectura en toda a nosa comarca, así como tamén á sempre permanente colaboración de Xosé Antón Montesinos, do Departamento de Cultura do Concello de Verín", rematou Suárez Martínez.

A Mancomunidade de Verín creará un arquivo monográfico de Taboada Chivite