luns 12/04/21
'Xeopolítica, pandemia e poscapitalimos' saíu á venda o 11 de marzo

Alberte Blanco: "Hai moita información que convén someter ó escrutinio da razón"

Alberte Blanco.

Alberte Blanco Casal naceu en Cobres (Pontevedra) o 20 de decembro de 1951. Ademáis de escritor tamén é enxeñeiro, e era profesor no Instituto de Verín, o cal dirixiu durante varios anos. Tivo a súa época como concelleiro e forma parte do Consello Nacional do BNG. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. É o fundador da Asociación Cultural Monterrei, así como da súa revista 'A Tempo' e do colectivo de animación cultural Foro Monterrei. Colabora con varios diarios dixitais, entre eles Nós Diario onde fai unha publicación semanal. 

Que o levou a escribir este libro?

Levo traballando nel dende xa hai uns anos. Neste trátanse as relacións de poder entre os distintos países, explicando todo tipo de interaccións entre o capital e as persoas, como por exemplo, quen move o diñeiro no planeta. Todo isto, xunto cos conflictos internacionais, levoume a buscar unha aclaración que poidera facer comprensible o que ocorre no mundo. De aí nace un pouco a idea de escribir este libro. 

Que opina entón sobre a xeopolítica internacional?

No mundo que coñecemos sempre houbo conflictos entre países e entre grandes potencias para ver quen era o hexemónico, quen mandaba. Esta tendencia ven dende a antigüidade e é unha constante histórica. As guerras por control de espazo e de riquezas entre os que gobernaban estiveron presentes ó longo dos diversos períodos cronolóxicos. Esta situación segue vixente hoxe en día, e o que hai 30 anos conlevaba un problema entre EEUU, a Unión Soviética e China, pasou a ser un conflito xeoestratéxico. Nestes momentos, Rusia e China están dun lado, e Estados Unidos, a Unión Europea e os países occidentais doutro.

Esta é a tensión que hai actualmente, algunhas forzas queren buscar un entendemento entre países con distintos sistemas económicos e políticos, pero hai a quen non lle interesa esta cooperación, porque que exista enfrontamento é algo que xera moito negocio para unha serie de élites. O libro, o que fai é unha especie de trazado histórico dos últimos 200 anos para explicar como funciona o mundo e cal é a raíz dos países hexemónicos que existen hoxe. 

O libro fai unha especie de trazado histórico dos últimos 200 anos para explicar como funciona o mundo e cal é a raíz dos países hexemónicos que existen hoxe

Con respecto a Estados Unidos, que pensa sobre a toma do capitolio?

Isto é algo que tamén trato na obra. O que ocorreu o 6 de xaneiro foi unha algarada, alguén lle chamou golpe de estado, pero este non se leva a cabo con xente disfrazada, e aínda que houbo episodios de violencia por parte dun grupo minoritario, a maioría entrou de forma festiva. Non levaban armas practicamente, romperon algúns cristais pero non houbo incidencia máis alá diso. O que resulta estraño nese episodio de asalto, é que os 1.600 polícias que ten o capitolio deixasen pasar case sen problema a esta xente, xa que se estivesen organizados este asalto fracasaría. Sen embargo, por algunha razón, o capitolio controlado polos demócratas permitiu que ese grupo entrara, e que isto pasase a historia como un golpe de estado. Hai moitos puntos escuros nesta situación para dicir se é branco ou negro, pero eu non comparto en absoluto que se poida calificar como tal. 

Evidentemente en EE. UU. hai un conflito interno que vai máis alá de Trump e de Biden, e problemas non resoltos que se traducen nun enfrontamento entre dous sectores americanos, que neste caso están representados polo partido demócrata e polo republicano, pero que vai máis alá destes. É un tema complexo, e no libro intento aportar algunhas claves, porque ten trascendencia no resto do mundo, xa que se ve claramente que este episodio marca a decadencia de Estados Unidos como a gran potencia hexemónica que foi no século XX. Polo tanto, creo que estamos nun cambio de paradigma, no que antes había un país que lideraba claramente occidente e o planeta, e que agora parece que entrou en devalo, e outros lugares como China, estanlle disputando a supremacía. 

Con actos coma estes cre que os valores colectivos da sociedade se están deteriorando?

Na sociedade hai intereses contrapostos, non hai ningunha comunidade que comparta totalmente os valores dominantes, estes existen e hai persoas que aínda que non os comparten viven en paz co resto do mundo. É normal que haxa discrepancias sobre determinados feitos que se producen. Eu creo que hai un deterioro da convivencia por razóns obxectivas, porque moita xente está sufrindo e pasando por situacións límites, e cando isto pasa, tenden a rebotarse. O asalto do capitolio pódese valorar como unha fartura puntual pola situación xeral que está ocurrindo no país, e que obedece a problemas moi profundos de EE. UU. complicados de resolver. 

Algo que se trata no libro é que unha cousa son os gobernantes que mandan cara ó público, e outra son os que dirixen por detrás; os que controlan a situación. É unha especie de teatro de marionetas, no que ves ós bonecos pero non a quen os está manexando. Isto é un pouco o que pasa no mundo, o que parece que é toda a realidade soamente é unha parte visible desta. 

Algo que se trata no libro é que unha cousa son os gobernantes que mandan cara ó público, e outra son os que dirixen por detrás; os que controlan a situación. É unha especie de teatro de marionetas, no que ves ós bonecos pero non a quen os está manexando

En relación coa pandemia, pensa que hai algún interese capitalista detrás desta?

O que che queren facer crer non sempre é a verdade do que ocorre. No caso da pandemia hai elementos escuros, pero é difícil facer unha afirmación nun sentido ou noutro. Unha epidemia está producida por un virus, neste momento a dúbida que hai é onde se orixinou, xa que non parece que viñera do morcego e o tema do panxolín do mercado de Wuhan non está claro. A OMS di que non parece un bacilo de laboratorio, pero tampouco está claro de onde ven, xa que houbo casos anteriores a isto en Europa e en Estados Unidos. 

O tema das vacinas acabará sendo un gran negocio para as farmacéuticas, porque hai que ter en conta que a pandemia está sendo tratada a nivel global, e os case 8 mil millóns de habitantes que ten o planeta son clientes potenciais destas. O máis normal ante unha catástrofe coma esta, sería que as patentes fosen de dominio público para non xerar ningún tipo de ganancia con esta epidemia; pero hai intereses moi poderosos detrás dela. Eu non podo afirmar que isto signifique que é unha pandemia dirixida, porque me faltan datos, pero existen certas sospeitas de que hai unha manipulación en beneficio das farmacéuticas.

Non podo afirmar que isto signifique que é unha pandemia dirixida, porque me faltan datos, pero existen certas sospeitas de que hai unha manipulación en beneficio das farmcéuticas. 

No ensaio trato cuestións deste tipo sen entrar en teorías de conspiración, non podo dicir que sexa unha epidemia inducida, pero penso que para que algo funcione non ten porque ser creado dende o principio, senón que pode ser manipulado a posteriori se se ten o dominio suficiente. No libro demostro que hai poderes que teñen a capacidade e a riqueza necesarias para poder facer cousas se lle interesa, entón do que se trata é de buscar dúbidas; que a xente teña datos para cuestionar a realidade que sae pola televisión. O importante é aprender a ser crítico coa información que che ofrecen todos os días. 

Portada do novo libro de Alberte Blanco.Portada do novo libro de Alberte Blanco.

Nun dos seus artigos fala de que en outubro de 2019 se levou a cabo un simulacro de pandemia por Covid en Nova York, mentres que en Europa non houbo nin a mínima preparación. Que opina disto?

Quen comezou a facer o seguimento da pandemia foi a Universidade de Hopkins de Nova York. Esta entidade, xunto con Bill Gates e outra xente importante, participaron neste simulacro. Exercicios coma este prodúcense moitas veces en varios lugares, pero o curioso deste é que se produciu sobre un coronavirus que iba causar unha letalidade moi forte, e levouse a cabo exactamente un mes e medio antes de que aparecera en China; foi algo que se veu moi encima do problema real. Ademáis, apareceron outras noticias en EE. UU. sobre a conexión dalgúns científicos cun laboratorio chinés de alta seguridade, de onde se dicía que podía sair o virus. Á súa vez, os chinos contraatacaron dicindo que foran uns soldados americanos os que levaran o xerme a unha competición deportiva entre militares de distintos países.

En definitiva, é un problema de confrontación de poderes entre grandes potencias, polo que é moi difícil saber quen ten a razón baseándose neses datos. O que si que se pode saber é que hai unha sombra de dúbida, xa que ó mellor non todo o que nos están transmitindo é totalmente certo. Hai moita información que convén someter ó escrutinio da razón.

O coronavirus conleva unha crise en moitos aspectos, e segundo comentou vostede vai supor tamén o fracaso da globalización capitalista. Que solución proporía ante isto?

Que hai un fracaso da globalización é evidente, no momento en que se declararon os contaxios e o confinamento foi a alternativa idónea para evitar a propagación do virus quedou colapsado todo o comercio mundial, xa que se interrumpiron as cadeas de abastecemento; porque o mundo estaba especializado en producir unha serie de productos en determinadas partes da orbe. Antes cada país tiña garantizados os seus propios suministros, pero dende a globalización a produción foise especializando en diversas zonas, polo que no momento que hai un encerro todo isto entra en crise. Demóstrase así que o sistema neoliberal fracasou, porque non foi capaz de responder a unha pandemia deste tipo de forma adecuada.

Demóstrase así que o sistema neoliberal fracasou, porque non foi capaz de responder a unha pandemia deste tipo de forma adecuada. 

O que está claro e que necesitamos un réxime máis cooperativo, a elaboración de bens de primeira necesidade non pode estar situada nun lugar determinado, ten que estar desconcentrada en toda unha serie de países, de maneira que cando exista unha catástrofe coma esta, cada un deles teña asegurado un mínimo de materias básicas para que o sistema non colapse. Polo tanto, o que se necesita é un sistema totalmente contrario ó neoliberal, no que haxa unha distribución máis elaborada, un equilibrio entre a cidade e o campo, unha rede de colaboración moito máis ampla. Ten que haber unha democracia básica e unha socialización do risco, é dicir, este non se pode concentrar só nos pobres; desta hecatombe hai que aprender a distribuír os perigos entre todos. Eu creo que o propio sistema podería reconvertirse se hai un movemento social o suficientemente amplo. 

Desta hecatombe hai que aprender a distribuír os perigos entre todos. Eu creo que o propio sistema podería reconvertirse se hai un movemento social o suficientemente amplo

E para rematar, que o libro saíse á venda un 11 de marzo ten algo que ver co que implica esta data?

É unha política editorial que non está relacionada con ningún tipo de episodio, non é unha cousa simbólica. Foi decisión da editorial, por exemplo Xerais ten unhas saídas mensuais que cadran nunhas datas. Sei que o puxeron en reparto na distribuidora Arnoia, de feito en algunhas librarías xa está dispoñible, e parece ser que en 20 días chegará plenamente a todas as que faltan. 

Alberte Blanco: "Hai moita información que convén someter ó escrutinio da razón"
comentarios