A Xunta destina 390.000 euros a axudas para a conservación das razas autóctonas galegas | NOTICIAS OURENSE
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este luns, 1 de xuño, unha explotación de vaca cachena propiedade da comunidade de montes veciñais de Lucenza, en Cualedro (Ourense), onde puxo en valor as axudas que a Consellería do Medio Rural convoca anualmente para impulsar e conservar as razas autóctonas de Galicia.
Durante a visita, Balseiros recordou que a última convocatoria desta liña de axudas estivo dotada cun orzamento de 390.000 euros. O obxectivo destas achegas é aumentar a rendibilidade das explotacións, ao tempo que se reforza a súa viabilidade económica e se mellora o nivel de vida dos gandeiros.
Segundo informou a Consellería, as axudas contribúen a modernizar o sector nas vertentes xenética, sanitaria e de produción animal, ademais de mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos e a calidade das producións. Tamén se persegue a optimización dos recursos dispoñibles nas explotacións.
A maiores das axudas directas, a Consellería do Medio Rural impulsa outro tipo de iniciativas orientadas ao fomento das razas autóctonas, como os convenios con entidades e asociacións de criadores destas razas en toda a comunidade.