Están fartos dos malos olores

NOTICIAS VERÍN | Veciños de Lucenza limpan os colectores de lixo ante a falta de mantemento do servizo de basuras da Mancomunidade

Dúas veciñas de Lucenza limpan os colectores de lixo da localidade.

Os veciños de Lucenza, en Cualedro, puxéronse hoxe mans á obra nas rúas da localidade ante a falta de mantemento proporcionado polo servizo de basuras, xestionado pola Mancomunidade de Verín. Dúas veciñas, tal e como mostran nas redes sociais da aldea, tomaron a iniciativa e foron as encargadas da desinfección dos colectores de lixo xa que "todos están fartos dos malos cheiros", contan.

A calor e o aumento de poboación, e por tanto de lixo, nos meses de verán propicia estes malos olores. "Non sabemos a frecuencia de paso, se é maior ou menor que no inverno, pero deberían aumentala porque hai máis poboación e xérase máis residuo".

Polo momento, non deron conta ao concello de Cualedro, ao que pertencen, pero afirman que así o faran "proximamente". Un equipo do Diario do Támega intentou poñerse en contacto co presidente da Mancomunidade, José Luís Suárez, que non atendeu a nosa chamada. Foi precisamente Suárez, quen asinara o pasado xaneiro o novo contrato coa empresa FCC para a recollida de residuos nos concellos de Castrelo, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra e Vilardevós, e do que se desvinculou Verín.