martes 22/09/20
O lume permanecía controlado dende o pasado sábado

Medio Rural deu por extinguido este martes o maior dos lumes ata o de agora en Galicia no 2020, o de Cualedro

A consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia vén de dar por extinguido esta mesma mañá o lume que se iniciou no concello de Cualedro e que arrasou 1.535 hectáreas de terreo, neste e no veciño municipio de Monterrei. 

As lapas devastaron todo o monte -na imaxe- entre as localidades de San Millao (Cualedro) e San Cristovo (Monterrei). | FOTO: Noelia Caseiro.
As lapas devastaron todo o monte -na imaxe- entre as localidades de San Millao (Cualedro) e San Cristovo (Monterrei). | FOTO: Noelia Caseiro.

O maior incendio forestal rexistrado en Galicia no que vai de verán quedou extinguido este martes tras queimar unhas 1.535 hectáreas de superficie no municipio ourensán de Cualedro.

Segundo confirmaron fontes da Consellería do Medio Rural este incendio quedou extinguido ás 10,45 horas deste martes despois de declararse o pasado mércores.

En concreto, este incendio forestal, o de maior superficie arrasada rexistrado desde a vaga de lumes de 2017, permanecía controlado desde o mediodía do pasado sábado na parroquia de San Millao, no municipio de Cualedro.

As últimas estimacións apuntadas por Medio Rural sitúan a superficie queimada nunhas 1.535 hectáreas, das cales 525 son agrícolas e 1.010 forestais -unhas 960 rasas e unhas 50 arboradas-.

Para o control deste lume foron mobilizados dous técnicos, 54 axentes, 132 brigadas, 51 motobombas, seis pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Medio Rural deu por extinguido este martes o maior dos lumes ata o de agora en Galicia...
comentarios