sábado. 20.04.2024
Non se poderá acudir nin en furgonetas nin en autocaravanas e poderá pedir a cea pola app Rumbo

Dende este luns estarán dispoñibles 120 entradas para a proxección de "María Solinha" no autocine de Verín

Accedendo a ataquilla.com poderanse mercar, dende este luns, ata un máximo de 120 entradas para presenciar a estrea mundial en autocines de "María Solinha", no estacionamento disuasorio central da vila de Verín. A app Rumbo servirá os menús para a ocasión que preparen os diferentes establecementos hostaleiros verinenses. 

autocine
Cartel anunciador da estrea do filme "María Solinha".

Este luns 15 de xuño ábrese a venda de entradas para a proxección da película "María Solinha" de Ignacio Vilar, que se estreará no autocine de Verín o vindeiro domingo 21. Devanditas entradas, que terán un prezo de 8 euros, estarán dispoñibles na páxina web ataquilla.com, podendo ir os vehículos totalmente ocupados.

A entrada ao parking central de Verín realizarase pola entrada da Avenida de Portugal (fronte ao concello) de xeito único, quedando as restantes habilitadas para saídas de emerxencia e servizos. Os vehículos autorizados -que poden ir totalmente ocupados- son só automóviles e 4x4. Non se permitirá a entrada de furgonetas e tampouco autocaravanas, para que non impidan, pola súa envergadura, a visibilidade do resto de automóbiles. 

A gala de estrea precederá á proxección da película. Dende as 21:30 horas os actores e actrices e o director estarán presentes para realizar as sesións fotográficas co público. A partir das 22:30 horas comezará a gala de inauguración. Ás 23:00 horas, dará comezo a proxección do filme.

A recadación estará destinada integramente para fins solidarios, concretamente para as actividades de apoio que a asociación Portas Abertas ven realizando cos máis desfavorecidos pola crise social e sanitaria do Covid.

Menús autocine

Os hostaleiros de Verín servirán nesta sesión piloto os seus menús a través da app Rumbo Verín. Dende ela, baixo reserva ou no momento, poderase solicitar o menú autocine ou acceder á carta completa que cada establecemento teña na app, a través dun código Qr.

Dende este luns estarán dispoñibles 120 entradas para a proxección de "María Solinha"...