martes. 16.04.2024
Sashimi, un dos pratos xaponeses de Taiyo Sushi Club.
Sashimi, un dos pratos xaponeses de Taiyo Sushi Club.

Con só nove meses de vida e case a metade pechados pola pandemia, Taiyo Sushi Club, un restaurante de estilo xaponés, xa é un dos referentes na veciña localidade de Chaves. A súa adicación e oferta sen igual, fan que sexa o favorito na zona norte de Portugal (nun radio de ata 100 quilómetros) e tamén destoutro lado da fronteira. "Cada fin de semana veñen arredor de 30 clientes españois, todos da zona sur de Ourense", comenta Jorge Teixeira, xerente do local. 

Un negocio, o da hostalería, que non era descoñecido para el xa que forma parte dunha familia con gran percorrido neste sector. Non obstante, advirte: "O que intentei facer aquí é un restaurante distinto, algo pouco visto, cunha gastronomia diferente, moi difícil, xa que non tiña nocións da preparación deste produto. Considero que ata que non se vive en primeira persoa, ninguén é consciente do complicada que é".

TaiyoOs sushiman de Taiyo. | FOTO: Iván Iglesias

Dada a súa complexidade, conta coa colaboración de tres grandes sushiman, chegados dos mellores restaurantes a nivel nacional portugués na cidade de Oporto. "O máis importante é que o produto sexa da mellor calidade posible. É por iso que só traballamos con arredor de sete variedades de peixe e todos de alta gama", conta Jorge. "Todos se incorporan ao abatedor, que en media hora baixa a súa temperatura ata os 60 graos baixo cero. Con este shock térmico, matamos bacterias e microorganismos e mantemos a tenrura do peixe, tal e como se se utilizara fresco. O control da calidade alimentaria é a maior garantía que temos", engade. 

Son licenciado en fisioterapia e a saúde para min é o máis importante, por iso, o control da calidade alimentaria é a maior garantía que temos (Jorge Teixeira, propietario)

TaiyoPeixe fresco para elaborar as especialidades da casa. | FOTO: Iván Iglesias

Outra das garantías do local é a dun tempo de espera reducido. Pese a que o sushi require unha considerable marxe de preparación, en Taiyo garanten a chegada do produto á mesa en non máis de 30 minutos. "O que máis desagrada a un cliente é estar canso de esperar. Aínda que despois a comida estea rica, xa non sabe igual", advirte Jorge. 

Ampla oferta gastronómica

O seu produto estrela é o sushi aínda que non é o único que se pode degustar no local. Entre outras elaboracións xaponesas, atopamos como alternativa a carne madurada de vitela de procedencia galega. "É un proceso de maduración progresivo, con temperatura e humidade controladas, que fan que unha serie de bacterias actúen sobre ela e descompoñan o coláxeno. Con isto conseguimos que sexa máis tenra, suculenta e que mellore o seu aroma e sabor", explica Jorge.

Os máis seguidores do doce tampouco van levar unha decepción xa que as sobremesas son completamente caseiras e, algunhas delas, elaboradas no mesmo momento no que se serven. 

TaiyoCoulant de chocolate e caramelo salgado. | FOTO: Iván Iglesias

Un servizo con criterio

Entre os fogóns, tres expertos en cociña xaponesa e, detrás da barra, un barman moi especial. Marcio Afonso crea auténticas obras de arte co seu axitador. Este cocteleiro, estudado e certificado, ten o privilexio de ser un dos poucos expertos con formación en bebidas da cidade portuguesa. Entre os seus cócteles máis famosos, destaca o peculiar 'Taiyo', cun suave sabor a vainilla e presentado nunha cunca que mesmo recorda á do ramen xaponés. 

Tamén se poden degustar algunhas bebidas alcólicas típicas do país nipón, como o sake ou algunhas marcas de xinebra ou whisky nacionais. 

TaiyoO barman Marcio Afonso. | FOTO: Iván Iglesias

O encanto do local

A ambientación, a música e a decoración do local permiten que o cliente viva unha experiencia tipicamente xaponesa de principio a fin. Dende a entrada, onde nos recibe unha porta Torii, como se dun templo oriental se tratase. Na terraza, decorada con elementos asiáticos, atópase a xoia da coroa: un pradairo, unha árbore típica do país nipón que preside a velada. "O máis importante é a experiencia en xeral, non só a comida, por iso traballamos en tódolos detalles", conta Jorge.

Este resultado provén dunha gran remodelación estética do local, que tamén conta cun pequeno salón na planta baixa, de estilo casual e outro máis elegante, na parte de arriba. Coas tres estancias poden dar servizo a arredor de 90 clientes de maneira simultánea.

TaiyoParte da terraza, coa porta Torii de fondo e á esquerda, o típico pradairo xaponés. | FOTO: Iván Iglesias

Para o dono, Jorge Teixeira, isto non é máis que o principio e o mellor "aínda está por chegar". Será nos vindeiros días, cando inauguren na terraza un bar especializado en cócteles así como un showcooking, no que os clientes poderán observar, en vivo e en directo, como se elaboran os seus pratos favoritos. 

Para gozar desta experiencia inesquecible e perderse pola gastronomía oriental, poden visitar Taiyo Sushi Club na rúa do Sol, número 70 de Chaves, pola semana en horario de tarde (20:00 a 23:30, excepto martes) e os domingos de 13:30 a 16:00h e de 20:00 a 23:30h (hora española).

NOTICIAS DE EMPRESA | Taiyo Sushi Club, unha experiencia gastronómica única con acento...