viernes. 19.04.2024
A iniciativa busca promover a igualdade de oportunidades, previr a violencia de xénero e reforzar a educación en positivo

Nais e pais do CEIP Amaro Refojo poñen en marcha un proxecto de educación en igualdade

Ó longo de todo o curso escolar, dende a ANPA do CEIP Amaro Refojo teñen organizadas diversas accións encamiñadas a concienciar a toda comunidade escolar no eido da igualdade, implicando ó alumnado, ó claustro e ás familias. Ademais das actividades dirixidas ós e ás estudantes, desenvolveranse xornadas formativas para nais e pais nas que abordarán os eixos fundamentais da educación en igualdade.

Escola de Familias 2019_portada
As xornadas da Escola de Familias están pensadas para asesorar a nais e pais sobre educación igualitaria en positivo.

Este ano escolar, no CEIP Amaro Refojo van traballar a reo en prol da educación en igualdade. Non só co alumnado, tamén queren implicar a toda a comunidade escolar do centro educativo, organizando actividades nas que podan participar rapazas e rapaces e accións pensadas para as familias.

O proxecto Vexo, vexo... a igualdade! ten como obxectivo promover a igualdade de oportunidades entre nenas e nenos, pero tamén busca previr a violencia de xénero concienciando a todas e todos utilizando unha educación en positivo. A idea é traballar con todos os membros da comunidade escolar, creando unha conciencia igualitaria que desbote as ideas preconcebidas en canto ós roles de xénero.

E, como o fan? Pondo en marcha actividades para todas as idades. Hoxe, martes, nenas e nenos do grupo de teatro do CEIP Amaro Refojo van ser os protagonistas de Contacontos en Igualdade, que presentarán ante as familias esta mesma tarde en dúas sesións que comezan ás 16:00 horas. Unha actividade lúdica para o alumnado que utiliza o xogo para educar na prevención da violencia de xénero e na resolución pacífica de conflitos.

CEIP Amaro Refojo2019_Contacontos en Igualdade_recortado

Contacontos en Igualdade é unha das actividades pensadas para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro.

Ademais, veñen de rematar o concurso de carteis para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra o 25 de novembro. Convocado para todos os niveis de infantil e primaria, alumnado, familias e profesorado; elaboraron propostas con lemas e debuxos que promoven a igualdade de oportunidades e rexeitan a violencia de xénero. Os 12 mellores pasarán a formar parte do calendario 2020 que se repartirá entre as familias. 

ESCOLA DE FAMILIAS

Xa que un dos obxectivos do proxecto Vexo, Vexo... a igualdade! é implicar a toda a comunidade escolar, dende a ANPA do CEIP Amaro Refojo puxeron en marcha a Escola de Familias. Un espazo dirixido a nais e pais do alumnado no que profesionais de distintos eidos abordan diferentes temáticas co fin de asesorar ás familias sobre como educar en positivo.

A prevención do acoso, a comunicación, a igualdade, o uso das novas tecnoloxías, a sexualidade nos menores e o reforzo positivo son os eixes sobre os que xiran estas xornadas de formación para as familias do CEIP Amaro Refojo. Hoxe, martes 5 de novembro, dende as 16:00 horas e ata as 18:00 horas, teñen unha nova sesión na Escola de Familias con dúas charlas que buscarán solventar as dúbidas que podan ter nais e pais asistentes.

Por unha banda, Patricia Doval, responsable do Equipo de Apoio á Biblioteca, encargarase de informar ás familias sobre as posibilidades de participación dentro das actividades da biblioteca na charla "O papel da familia dentro da biblioteca de Cristalina". Pouco despois, Rebeca André, psicóloga sanitaria e terapeuta familiar, abordará os problemas que crean as ideas preconcebidas en canto a roles de xénero na charla "Reforzando as competencias dos nenos e das nenas sen prexuízos de xénero".

Escola de familias Amaro Refojo 2019Sesión da Escola de Familias no CEIP Amaro Refojo dedicada á "Comunicación en igualdade na familia", celebrada no pasado mes de outubro.

A seguinte xornada da Escola de Familias será o vindeiro 12 de novembro. Unha tarde dedicada ós conflitos e problemas que pode causar o mal uso das novas tecnoloxías por parte dos e das menores. Impartida por Roberto Valente, Garda Civil e enxeñeiro informático especializado na loita contra o cibercrime, a charla "Uso adecuado e crítico da internet e das novas tecnoloxías" servirá para axudar ás familias a controlar o uso que fan delas os seus fillos e fillas, ensinándolles a educalos nunha utilización correcta das novas tecnoloxías. 

Posto en marcha pola ANPA do CEIP Amaro Refojo mailo Equipo de Apoio á Biblioteca, no proxecto tamén participa o Equipo de Dinamización Lingüística e a propia Dirección do centro escolar. Entre todos, organizan numerosas actividades que se desenvolverán ó longo de todo o curso escolar; a iniciativa realízase grazas ó financiamento da Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade ó abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Nais e pais do CEIP Amaro Refojo poñen en marcha un proxecto de educación en igualdade