xoves 21.11.2019
Dos 20 estudantes seleccionados, logo de sacar as mellores puntuacións nas probas realizadas para participar no programa, 15 son mulleres e 5 son homes

Erasmus+, cóntame os teus "ingredientes" e poderás viaxar

Todos e todas tiveron que superar os criterios de selección para poder viaxar ó abeiro do proxecto Erasmus+. Non só se tiveron en conta os méritos académicos e a nota media final en inglés, tamén era importante a posibilidade de acoller a un alumno ou alumna estranxeiro na súa casa. Ademais, tiveron que escribir unha carta de motivación e unha receita sobre si mesmos.

Exemplo da "receita sobre si mesmos" que tiveron que facer os e as estudantes para ser seleccionados no programa Erasmus+.
Exemplo da "receita sobre si mesmos" que tiveron que facer os e as estudantes para ser seleccionados no programa Erasmus+.

Cando no IES Xesús Taboada Chivite recibiron a boa nova de que o seu proxecto "My school agent of solidarity" era escollido para participar no programa europeo de educación Erasmus+, tiveron que poñerse a traballar no xeito de seleccionar ós e ás estudantes que poderían viaxar, xa que o orzamento outorgado somentes permitía a mobilidade ó estranxeiro de 20 alumnos e alumnas. Ó final, a posibilidade de ser un Erasmus+ e viaxar por Europa converteuse nunha actividade educativa máis e nun reto para ós e ás estudantes.

Así, creáronse unha serie de criterios de selección que permitiría a todo o alumnado que quixera participar facelo en igualdade de condicións e, ó tempo, baremar distintas situacións e aptitudes dos e das estudantes. Que se tivo en conta? O primeiro, ser estudante de 3º ou 4º da ESO. Por suposto, a posibilidade de recibir na súa casa ós e ás estudantes que virán doutros países e de acollelos durante a súa estadía en Verín, xa que é un proxecto recíproco entre todos os centros educativos socios na actividade.

O Erasmus+ desenvolverase ó longo de dous cursos académicos, así que tiñan que se comprometer por iste tempo e ter intención de manterse no proxecto ata o ano 2021. Un xeito de fomentar nos alumnos e alumnas a implicación e a constancia naquelas actividades nas que participan. É obvio que se trata dun programa que promove a educación, polo que os méritos académicos, as notas finais obtidas no curso 2018/19, tamén se tiñan en conta. Importante tamén a capacidade de expresarse noutro idioma, xa que viaxarán a escolas de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal; outro dos criterios de selección foi a nota final de inglés.

Unha receita sobre si mesmos

Tivéronse en conta moitas outras situacións puntuables para a selección: ser beneficiario do cheque escolar da Xunta de Galicia, ter recoñecida algunha discapacidade e pertencer a un grupo minoritario. Pero o máis importante para os profesores e profesoras era motivar ós seus estudantes, implicalos no proxecto e fomentar as ganas de ser partícipes dunha experiencia educativa única que os levará a coñecer outros países, outras culturas e formas de vida e outros sistemas educativos diferentes ó español.

E que se lles ocorreu? Crear unha actividade na que os alumnos se deran a coñecer. En realidade, unha dobre actividade. Por unha banda, tiñan que escribir unha carta de motivación explicando os seus motivos persoais para querer participar no programa Erasmus+, valorándose a orixinalidade, a asertividade e a propia redacción.

Pola outra, tiñan que falar de eles mesmos en formato receita de cociña. Un xeito singular de facer unha presentación persoal que fomenta a creatividade dos alumnos. Como ingredientes principais, as características persoais, psíquicas e sociais de cada un. Condimentando a receita cunha explicación daquelo que os fai distintos e especiais e sazonándoa cunha fotografía que amose todo o descrito. Por suposto, a receita tivo que ser escrita en inglés para que os alumnos e alumnas dos outros  países socios do proxecto podan coñecelos.

E, así, conseguiuse pór en marcha a participación dos e das estudantes para ser seleccionados para viaxar ó abeiro do programa Erasmus+. Cabe subliñar que, dos 20 que sacaron as mellores puntuacións, 15 foron mulleres e 5 foron homes. En canto ós e ás suplentes, 14 en total, a cousa quedou en táboas.

Erasmus+, cóntame os teus "ingredientes" e poderás viaxar
comentarios