Martes. 19.03.2024
Poderán apuntarse mozos e mozas de entre nove e dezasete anos

Abre o prazo de inscrición das prazas xuvenís dentro do programa Campaña de Verán 2019

A mocidade da vila poderá inscribirse ata o 7 de maio para participar na campaña de Verán 2019 e desfrutar das diversas actividades.

camping
Imaxe dun neno facendo sendeirismo.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín abriu o prazo de tramitación das solicitudes de inscrición da mocidade, de entre nove e dezasete anos, interesada en participar na campaña de Verán 2019, que promove nos meses de xullo, agosto e setembro a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O prazo rematará o 7 de maio.

Con esta campaña os rapaces e rapazas poderán empregar o seu tempo de lecer en actividades lúdicas, culturais, deportivas e formativas, así coma coñecer outros territorios da xeografía nacional.

Os participantes disporán de aloxamento en albergue, residencia ou campamento xuvenil, material técnico para a actividade, equipo técnico de persoal especializado, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes ou transporte desde Santiago de Compostela ou lugar que se sinale como punto de saída ata o lugar de destino.

Os prezos, dependendo do lugar elixido e se está dentro ou fóra da comunidade galega, oscilan entre 100 e 300 euros. As persoas que pertenzan a familias numerosa ou monoparentais terán un desconto do 50%, e para as persoas usuarias do carné xove o desconto é do 25 %.
Poderá adquirirse información na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín, situada na Casa da Xuventude, no teléfono 988.414.776, ou no DOG número 76 do 8 de abril de 2019.

Abre o prazo de inscrición das prazas xuvenís dentro do programa Campaña de Verán 2019
Comentarios