O cura párroco de Castrelo do Val súmase tamén á despedida de Vicente Gómez García

OBITUARIO | Óscar Martínez Caamaño: "Vicente naceu con vocación de servizo, e fíxoo moi ben"

Vicente Gómez, á dereita da imaxe, nunha das celebracións eucarísticas oficiadas por Óscar Martínez Caamaño.

«É importante facer política, pero é máis importante facer o ben.»

François-Xavier Nguyễn Văn Thuận

Non pretendo escribir a biografía de Vicente García Gómez nin facer un xuízo sobre toda a súa traxectoria pública. Outros poderán facelo con máis coñecemento e mellor criterio. Estas liñas queren ser, sinxelamente, o testemuño agradecido do que vin e aprendín durante os dezaoito anos que compartimos desde a miña chegada a Castrelo do Val como sacerdote.

Ao longo dese tempo, os nosos camiños cruzáronse unha e outra vez ao servizo desta terra. Coñecín o alcalde, pero, sobre todo, a persoa. A relación institucional deu paso, pouco a pouco, a unha amizade sincera, forxada no respecto mutuo, na confianza e no desexo compartido de procurar sempre o mellor para o noso pobo. Desde esa experiencia nacen estas palabras.

Coñecía a realidade da súa veciñanza porque compartía as súas preocupacións e facía súa a vida de cada aldea do concello

Sempre admirei nel unha fonda disposición ao diálogo e unha pouco común capacidade para facer posible a colaboración. Nunca permitiu que as diferenzas políticas, ideolóxicas ou relixiosas impedisen camiñar xuntos. Estaba convencido de que un pobo non se constrúe desde o enfrontamento, senón desde o encontro, o respecto e a procura paciente do ben común.

Coñecía a realidade da súa veciñanza porque compartía as súas preocupacións e facía súa a vida de cada aldea do concello. Foron moitas as ocasións nas que procurou a colaboración da parroquia para responder a necesidades concretas ou sacar adiante proxectos de interese común. Tamén puiden comprobar a súa atención discreta cara ás persoas e familias máis vulnerables. Sabía facer o ben sen necesidade de facelo notar.

Comprendía que as igrexas, as ermidas, os cemiterios e as expresións da relixiosidade popular forman parte da alma desta terra

Quero agradecer tamén a súa implicación persoal na conservación do patrimonio relixioso do noso concello. Comprendía que as igrexas, as ermidas, os cemiterios e as expresións da relixiosidade popular forman parte da alma desta terra. Máis alá das crenzas de cada quen, recoñecía nese patrimonio unha memoria compartida que debía ser respectada e transmitida.

A nosa relación estivo sempre presidida polo respecto e pola colaboración. Aínda que a súa vivencia da fe fose distinta da miña, mostrou sempre un profundo respecto pola Igrexa e polo papel que a fe continúa desempeñando na vida de tantas persoas e das nosas comunidades. Ese respecto fixo posible unha colaboración leal, sincera e fecunda.

Alí onde foi chamado a servir, fíxoo con lealdade e discreción, sen buscar protagonismos nin recoñecementos

Vicente entendía a política como un servizo. Sabía que non todo vale para gañar e que ningunha vitoria merece a pena se deixa feridas na convivencia. Cría que a mellor política non é a que derrota un adversario, senón a que mellora a vida dun pobo.

Alí onde foi chamado a servir, fíxoo con lealdade e discreción, sen buscar protagonismos nin recoñecementos. Sentiu unha especial paixón polo mundo rural, ao que dedicou o mellor dos seus esforzos. Apoiaba todo aquilo que consideraba bo para Castrelo do Val, sen preguntarse quen presentaba unha idea nin quen recibiría o mérito. Sabía recoñecer o ben viñese de onde viñese.

Dou grazas pola súa amizade, pola súa confianza, polas conversas compartidas, polos consellos recibidos e polo exemplo dunha maneira de servir que sempre puxo a persoa por diante de calquera outra consideración

Non foi un home de trincheiras. Preferiu tender pontes antes que levantar muros. Entendía que a política está chamada a reconciliar máis que a dividir, a crear confianza máis que sospeita, a abrir camiños máis que a pechar portas. Nel facíase verdade aquela intuición de Saint-Exupéry: «A grandeza dun oficio consiste, antes de nada, en unir as persoas.»

Conservo tamén un entrañable recordo das súas felicitacións de Nadal e de Aninovo. Nunca eran unha simple fórmula de cortesía. Nas súas palabras había humanidade, cercanía e esa sabedoría serena que só dá a vida vivida con autenticidade.

Hoxe dou grazas a Deus por me permitir compartir con Vicente un anaco do camiño. Dou grazas pola súa amizade, pola súa confianza, polas conversas compartidas, polos consellos recibidos e polo exemplo dunha maneira de servir que sempre puxo a persoa por diante de calquera outra consideración.

Oxalá saibamos estar á altura dese legado. Porque un pobo non vive só das súas obras, senón tamén da bondade das persoas que o fan máis humano

Como sacerdote, só podo encomendar agora a súa vida ao Señor. Confío en que Deus, que coñece o corazón de cada persoa mellor ca ninguén, acolla todo o ben que Vicente foi sementando, case sempre en silencio, entre nós.

Agora xa pertence á memoria agradecida dun pobo e ao misterio de Deus. Mais as vidas que se entregan ao servizo dos demais non rematan coa morte. Permanecen na pegada que deixan, nas pontes que axudaron a construír, no ben que espallaron sen facer ruído e na gratitude de quen tivo a fortuna de compartir con elas un anaco do camiño.

Oxalá saibamos estar á altura dese legado. Porque un pobo non vive só das súas obras, senón tamén da bondade das persoas que o fan máis humano.

Descansa en paz, Vicente. Que o Señor, ao que tantas veces serviches sen nomealo, te acolla agora na súa paz. E que nós, ao lembrar o teu paso entre nós, saibamos recoñecer que a túa vida segue a falar no ben que deixaches sementado.

Naceu con vocación de servicio, e fíxoo moi ben.

A Deus, amigo.