martes 17.09.2019
A Consellería de Educación investiu na obra que vén de rematarse algo máis de 45.000 euros

O CEIP de Castrelo do Val estreará ximnasio interior co novo curso escolar

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou, esta mañá, os traballos de mellora realizados neste centro educativo durante o verán para que estean rematados antes do inicio do curso. Con ela estivo o rexedor municipal, Vicente Gómez.

Marisol Díaz Mouteira conversa co alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, na entrada do centro escolar da localidade.
Marisol Díaz Mouteira conversa co alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, na entrada do centro escolar da localidade.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de executar, aproveitando o período non lectivo dos meses de verán, obras de adaptación de espazos para a creación dun ximnasio no CEIP Plurilingüe do concello de Castrelo do Val. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial de Educación, Luz Fernández Quintas, desprazouse hoxe ata o centro educativo e comprobou in situ o desenvolvemento dos traballos.

A obra consistiu na adaptación e ampliación dun espazo en desuso, que eran os antigos vestiarios do centro. Así, elimináronse todos os tabiques de partición existentes e picouse o azulexo das paredes, e ampliouse cara o exterior, nuns 45 m2, acadando unha superficie útil total de preto de 70 m2. Ademais, dotouse ao local con novos acabados de chan e paredes axeitados ao novo uso. A actuación responde á necesidade do centro de contar cun espazo interior para a realización de actividades físicas e de psicomotricidade dos nenos pequenos. Con esta actuación trátase de dar resposta a unha demanda que dende hai tempo viña reclamando a comunidade educativa do recinto escolar. 

Díaz Mouteira explicou que esta obra se executa ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) elaborado desde a Xefatura Territorial do departamento educativo e que se realiza durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica.

En Ourense, enmarcados dentro do programa RAM durante este verán estanse a executar obras en centros de Primaria e de Secundaria de 21 concellos da provincia. Os proxectos previstos no RAM vénse complementados coa execución doutros traballos de maior envergadura. A representante autonómica subliñou o compromiso do Goberno galego co benestar da comunidade escolar e afirmou que  “investir en equipamento é tamén investir en calidade”. 

O PRINCESA DE ESPAÑA, TAMÉN EN OBRAS

Así, recordou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está a desenvolver un total de cinco obras de rehabilitación integral noutros tantos centros da provincia de Ourense ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de case 4,5 millóns de euros. Entre os centros escollidos na provincia está tamén o CEIP Princesa de España, en Verín.

O CEIP de Castrelo do Val estreará ximnasio interior co novo curso escolar
comentarios