O venres presenta o libro "Unidos por amor", a beneficio de AECC

ENTREVISTA | Francisco Silva, escritor: "É unha satisfacción que os meus libros axuden a persoas con cancro"

Francisco Silva posa co seu novo libro diante da oficina comarcal de AECC en Verín.

O solidariedade é o motor de Francisco Silva (1954, Monteveloso, Castrelo do Val) para escribir libros. Despois da súa primeira publicación, "Sueños de un labrador, vivir en y de la tierra", na que conta como foi criarse no rural co seu avó e na que tamén fala do impacto que o cancro tivo na súa familia, agora presenta "Unidos por amor". Agora, igual ca na anterior ocasión, todos os beneficios que reporten as ventas irán destino á Asociación Española contra o Cancro (AECC).

Esta segunda novela, ambientada na época da Guerra Civil española, presentarase o venres no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello de Verín ás 19:00 horas. Silva quere poñer o seu pequeno gran de area na loita contra o cancro con esta publicación, xa que está moi sensibilizado con esta enfermidade que golpeou moi duro na súa familia.

De que trata esta segunda novela?

É unha historia de amor e guerra con dous personaxes que se coñecían do Seminario. O primeiro é un rapaz da Gudiña que marcha para Asturias e alí cólleo a Guerra Civil, na que ten que participar ata que deserta con outros compañeiros. Casa en Pola de Laviana, pero enferma e ó final dano por morto. A súa familia da Gudiña pensa que o enterra, ata que regresa. Unha vez na casa, namórase dunha rapaza. Nesta parte mestúrase o contrabando con Portugal daquela época e tamén a emigración, xa que algúns dos seus familiares fixeran riqueza en Cuba. O outro personaxe é o seu amigo que o vai buscar a Asturias e alí envíano para participar na Segunda Guerra Mundial na defensa de Francia, onde é capturado polos alemáns e enviado a un campo de concentración. Alí coñece a un coronel do exército nazi que acabou ferido na guerra e co que traba amizade, incluso chega a emparentar con el. Esta é a historia a grandes rasgos, pero o que máis me gusta do libro é que será solidario.

Por que quixo escribir libros para axudar a outras persoas?

Eu escribo porque teño uns problemas de saúde e os médicos sempre me aconsellaron que fixese actividades. Probei coa música, pero non me ía ben, e ó final rescatei unhas notas que tiña dos anos que vivira co meu avó. Nese momento decidín facer un libro, coa axuda da miña muller. Ó rematar con el empecei este e xa estou con outro. Por sorte, a min non me fai falta máis diñeiro e por iso o que reporta cada libro llo entrego a AECC.

Que o levou a decantarse por esta entidade?

O cancro sempre estivo moi presenta na miña familia. A miña muller está operada del, tiña unha irmá á que lle quitaron un peito polo cancro, miña nai faleceu por leucemia, dous cuñados tamén se someteron a unha ciruxía pola enfermidade e outro faleceu hai seis meses. Tendo o cancro tan presente, aínda máis ganas teño de axudar. Sáeme do corazón facelo porque hai moita xente que precisa axuda económica para convivir con esta enfermidade, que é moi dura.

Como chegou ata AECC?

Eu contactei co asociación en Madrid para ver se me podían axudar a divulgalo, pero non podían facelo. Logo coñecín a unha chica de Verín e aí foi como logrei achegarme a AECC para ingresarlle o diñeiro segundo os libros se fosen vendendo. O primerio tivo unha boa acollida.

Síntese satisfeito de poder axudar?

Para min, o feito de apoiar a unha persoa que ten a oportunidade de salvarse desta enfermidade, xa me fai sentir que podo marchar deste mundo alegre. É a satisfacción máis grande que pode haber, porque eu sei o que sofren as persoas que padecen un cancro.