Martes. 19.03.2024
A Castrelo do Val chegará nas vindeiras horas o corpo doutra vítima falecida na capital madrileña

A comarca comeza a recibir aos primeiros falecidos por COVID19 que residían en Madrid

En Feilas soterrouse este domingo a primera vítima por COVID19 que se enterra na comarca. Faleceu en Madrid, era muller e tiña 48 anos. Estaba ingresada nunha residencia para persoas con discapacidade psíquica.

A Castrelo do Val chegará nas vindeiras horas outro falecido dende a capital do Estado, un ancián de 84 anos que residía coa súa irmá en Madrid. 

Cemiterio de Feilas (Vilardevós),onde foron soterrados os restos da primeira muller que se enterra na comarca vítima de COVID19. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Cemiterio de Feilas (Vilardevós),onde foron soterrados os restos da primeira muller que se enterra na comarca vítima de COVID19. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Nas vindeiras horas chegará ao cemiterio de Castrelo do Val, trasladado dende Madrid, o corpo doutra vítima máis da pandemia producida polo COVID19. Trátase dun home de avanzada idade que pereceu logo de ser contaxiado por coronavirus na capital do Estado. O ancián, de 84 anos e solteiro, vivía coa súa irmá en Madrid e só retornaba a Castrelo do Val na época estival. Segundo puido saber Diario do Támega, o falecido presentaba patoloxías respiratorias previas que xa o obrigaban a permanecer con osíxeno con anterioridade ao inicio do andazo. 

Con el serán dúas as persoas soterradas na máis estrita soidade seguindo as recomendacións sanitarias. A primeira vítima do COVID19 soterrada na comarca foi unha muller de 48 anos, con ascendencia en Feilas (Vilardevós), que faleceu nunha residencia madrileña. Os seus restos foron enterrados sen a presencia dos seus familiares máis directos este pasado domingo no cemiterio de localidade de Vilardevós. 

A comarca comeza a recibir aos primeiros falecidos por COVID19 que residían en Madrid