O CEIP da localidade tamén levará o nome do prezado político socialista

O Concello de Castrelo do Val nomea fillo predilecto ao que fora o seu alcalde 18 anos, Raúl Fernández

Corporación de Castrelo do Val, familiares e amigos de Raúl Fernández, logo do pleno do seu nomeamento como fillo predilecto do municipio.

A corporación, de xeito unánime, concedeu a máxima distinción de honras en recoñecemento ao labor a prol dos intereses de toda a comarca a Raúl Fernández Fernández, figura moi prezada e recordada pola veciñanza, persoas de todo signo ideolóxico e de todos os sectores da sociedade galega.

 

 

O Concello de Castrelo do Val vén de conceder a súa máxima honra, o nomeamento como fillo predilecto a título póstumo, ao seu exalcalde Raúl Fernández, finado en xuño do 2019 de xeito temperá. A traxectoria do homenaxeado, quen tivo responsabilidades locais, provinciais e, finalmente, como deputado autonómico, fano merecente deste recoñecemento unánime de toda a veciñanza de Castrelo do Val. "Raúl foi un compañeiro leal, honesto, dialogante pero, sobre todo, unha persoa que xerou o consenso de quen o coñeceu e refírense a el como unha boa persoa", declarou o alcalde, Vicente Gómez, o que fora o seu tenente de alcalde e agora primeiro edil da Corporación municipal de Castrelo do Val.

María Barreira, a viúva de Raúl Fernández, recibe a placa que recoñece ao seu home como fillo predilecto de Castrelo do Val. 

No pleno celebrado este xoves, a súa viúva, María Barreira, acompañada polo seu fillo e outros familiares, recibiu de mans do alcalde a placa e o diploma que acreditan a Raúl Fernández como fillo predilecto do municipio. O expediente, instruído pola tenente de alcalde, Mar Valle, desde febreiro deste ano, concitou o consenso unánime de toda a corporación e incorporou adhesións de exalcaldes e rexedores de toda a comarca e de todo signo político que quixeron sumarse a esta sentida homenaxe a unha persoa moi querida e recordada.

O mestre volve á que foi a súa escola

Ao tempo que se instruíu este expediente de honras, a Corporación de Castrelo do Val, contando co apoio do consello escolar, iniciou a solicitude para que o colexio do concello fose renomeado como CEIP Raúl Fernández, quen tamén tivo unha recoñecida traxectoria como mestre. A casualidade quixo que ambas honras se resolveran case a un tempo e así, o DOG do pasado 1 de decembro contiña a publicación da decisión tomada pola Consellaría de Educación de nomear o centro co nome do seu antigo mestre.

O CEIP de Castrelo do Val levará o nome do que tamén fora o seu mestre, Raúl Fernández. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

O alcalde, Vicente Gómez, despois das intervencións, cargadas de emoción e afecto, de todos os portavoces e do exalcalde de Vilardevós e bo amigo de Raúl, José Luís Pérez (Chelís), concluíu o acto coas seguintes verbas: "Este salón de plenos quedou pequeno, non só por mor da pandemia que nos impide ampliar o aforo, senón para acoller a todas as persoas de todo signo político e doutros sectores sociais que expresaron o seu agarimo e convencemento de que este recoñecemento é pouco para o que el merecía (achégase vídeo íntegro das súas declaracións)".