xoves 17.10.2019
A Ruta do Viño de Monterrei convoca de novo ao turismo enolóxico os días 14, 15 e 16 de xuño

Seis bodegas da Denominación de Orixe Monterrei promocionarán os seus viños na oitava edición das Xornadas de Portas Abertas

Túnel do viño, armonía de caldos de Monterrei con queixos do mundo, gincanas infantís, visitas ao museo do Claustro Mercedario ou a fortaleza de Monterrei, rutas de sendeirismo de tapas ou mesmo o apadriñamento dunha vide, son algunhas das ofertas do amplo programa de actividades previsto para os vindeiros 14, 15 e 16 de xuño con motivo da celebración de oitava edición das Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Monterrei.

Unha das últimas visitas recibidas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei por parte de importadores internacionais.
Unha das últimas visitas recibidas na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei por parte de importadores internacionais.

Seis bodegas de denominación de orixe Monterrei abrirán, entre o 14 e o 16 de xuño, de novo as súas portas aos turistas, con motivo da oitava edición das Xornadas da Ruta do Viño. Este ente, en colaboración coa Axencia Galega de Turismo, promocionará os caldos da comarca durante dous días cunha boa oferta de eventos, tamén para os críos. A cita contará co apoio de tres concellos -Oímbra, Verín e Monterrei-, e os dous restaurantes integrados na ruta, Brasil e o Parador de Verín-Monterrei. Ademais, outros establecementos veñen de ofertar descontos nos seus servizos de aloxamento, como é o caso de O Retiro do Conde, en Villaza

Durante ese periodo de tempo, as seis bodegas participantes -Fragas do Lecer, Daniel Fernández, Gargalo, Pazo de Valdeconde, Quinta Soutullo e Vinos Lara- organizarán visitas guiadas polas súas instalacións acompañadas dunha degustación dos seus viños de xeito totalmente gratuíta. O horario das visitas serán o sábado ás 11,30, 13 e 17 horas; e o domingo, ás 12 horas.

Ademais das visitas guiadas, a organización desta oitava edición da Ruta do Viño de Monterrei ten programados os seguintes eventos:

  • Armonía dos viños de Monterrei e Queixos do Mundo, o venres 14, ás 19,30 horas no salón de actos do Colexio Mercedario.
  • Gincana Infantil, tamén o venres, ás 18,30 horas, para a que será preciso inscribirse con antelación. Nela realizaránse diferentes probas nas que a historia da viticultura en Monterrei será a protagonista.
  • Túnel do viño, o domingo 16, ás 12,30 horas, no Museo Claustro Mercedario de Verín.
  • Ruta de sendeirismo polas bodegas e lagares, o sábado 15 ás 16,30 horas. Actividade promovida pola Asociación "Ruta das Augas" cun percorrido de 10 kilómetros e dificultade baixa. O 13 de xuño remata o prazo de inscrición previa, para o que se deberá chamar ao 600 410 018.
  • Ruta de tapas por Verín, con visita guiada dende as 19,30 horas do venres día 14 de xuño. Inclúense tres degustacións comentadas dos viños da denominación e tapas elaboradas con produtos da zona. Arrancará diante do convento dos Pais Mercedarios. O prezo será de 25 euros por adulto e 15 para os nenos entre os 6 e os 8 anos. Obligatoria a reserva, ata o 12 de xuño, no teléfono 675 558 545.
  • Visita, cata e apradiñamento dunha vide, o sábado e o domingo, pola mañá, dende as 12 horas. A Asesoría y Servicios Vitivinícolas Menasa organiza unha visita e unha cata comentada ao bacelo onde se elabora o godello "Vega de Lucía", ofrecendo a posibilidade de apadriñar unha vide. A asistencia limitarase a 45 persoas e o prezo será por cada unha de 16 euros. A inscrición, en avenida de Sousas, 56.
  • Na oficina de información turística, entregarase o venres 14 de xuño, entre as 10 e 14, e das 16,30 ás 20,30 horas, unha bolsa con material turístico para coñecer a riqueza vitivinícola e termal da comarca de Monterrei. Ese mesmo día e á mesma hora estará aberta a sala de exposicións de Verín, cunha mostra dos alumnos da Escola de Artes e Oficios.
  • Visita ao Museo do Viño–Museo Claustro Mercedario (Sábado 15 de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, e o domingo de 11 a 14 horas).
  • Visita ao castelo de Monterrei. O Concello de Monterrei organiza, neses días, visitas guiadas á fortaleza. Serán o venres, sábado e domingo, de 11 á 16 horas. As visitas libres poderán efectuarse entre as 12 e as 14 horas, e de 16 a 19 horas.
  • Ruta por lagares rupestres. Visita á bodega–lagar As Barrocas, de Oímbra. Máis información no 988 42 61 60.
  • Concurso en Facebook. Aqueles que participen nas xornadas e inmortalicen os momentos vividos, poderán ganar catro billetes para o tren turístico da Ruta do Viño de Monterrei.
  • Por último, tamén se contará co Bus do Viño, cun coste de 5 euros para os adultos, e 3 para os cativos entre os 3 e os 13 anos. Este servizo terá con tres rutas o sábado 15 e unha o domingo 16. A primeira delas sairá de A Coruña, por Santiago, e visitará as bodegas do roteiro, o lagar rupestre e o castelo. A segunda partirá dende Vigo, con idéntico percorrido da anterior. A terceira sairá de Ourense, parando en Xinzo e con destino Verín. No caso do servizo do domingo, a liña será únicamente a de Ourense-Xinzo-Verín. Os asistentes poderán participar no Túnel do Viño, ademais de realizar unha visita ao castro da Cidade en Medeiros, o castelo e un lagar rupestre.

Todos aqueles interesados en participar nalgunha das actividades poderán obter maior información no teléfono do Consello Regulador da Denonimación de Orixe Monterrei, 988 59 00 07, ou contactado por correo electrónico no enderezo [email protected].

Seis bodegas da Denominación de Orixe Monterrei promocionarán os seus viños na oitava...
comentarios