mércores 11.12.2019
ENTREVISTA AO PREGOEIRO DA XIV FEIRA DO VIÑO DE MONTERREI

Rubén Riós: "Galicia é taberna. Non falamos igual co primeiro viño que co terceiro. É cando mellor se negocia... sabendo bebelo ben!"

Rubén Rodríguez Rodríguez (Riós, 1980) é, para todo o mundo, Rubén Riós. Un actor, director e produtor galego que ten levado o nome do seu concello aló por onde pisou (e o que lle queda). Do Rei da Comedia a Libro de Familia pasando por Matalobos e Pradolongo, foise facendo un oco no mundo do audiovisual –televisión e cinema– grazas ás súas dotes interpretativas. De actor pasou a director –dirixiu Vida e Máis ca vida, preseleccionadas para os Goya– e produtor, coa súa produtora Claqueta Coqueta. Un todoterreo do audiovisual que ama e defende o rural, ao que sempre trata de poñer en valor en todos os seus proxectos. Un emprendedor que aos seus 39 anos será o pregoeiro da XIV Feira do Viño de Monterrei. Falamos con el dos seus novos proxectos, do rural, do viño e do país.

O actor, director e produtor tamagano, Rubén Riós, quen será o pregoeiro da XIV Feira do Viño de Monterrei deste ano 2019. | FOTO: Rubén Riós
O actor, director e produtor tamagano, Rubén Riós, quen será o pregoeiro da XIV Feira do Viño de Monterrei deste ano 2019. | FOTO: Rubén Riós

A razón principal desta entrevista é que es o pregoeiro desta edición da Feira do Viño de Monterrei, unha das máis importantes do país. Que supón para ti, como tamagano, ser o pregoeiro desta Feira do Viño?

Supón moita responsabilidade e moito agradecemento. Cando ti naces nun sitio, o que te leva a defendelo son as raíces e o amor que a túa familia che inculca por el. Pero non tes por que defendelo. Eu creo, porén, que despois deste agasallo, cada vez que me vexa nun medio público ou nunha televisión defendendo a nosa zona, xa non estaría sendo xeneroso, xa é unha débeda coa comarca. Nunca loitas por ser profeta na túa terra, pero se cho regalan é a ostia. A partir de agora para min xa é unha obriga defender a miña terra. Así que moito respecto e moitos nervios, tamén, porque estás na casa.

Despois deste agasallo, cada vez que me vexa nun medio público ou nunha televisión defendendo a nosa zona, xa non estaría sendo xeneroso, xa é unha débeda coa comarca.

Podemos facer algún adianto sobre o contido do que será o teu discurso? En que vas centrar o pregón?

Coido que o que teño que tocar é a raíz, que está na muller rural galega, no bodegueiro, nese cariño que os pais e as nais lle dan a ese rapaz ou rapaza para que se quede na bodega e traballando no rural en troques de marchar fóra… Por iso creo que o emprendedor, sexa bodegueiro, distribuidor ou traballe na cepa, debe estar presente no meu pregón. Ten que estar tamén presente o que é o noso val en si, porque a unión fai a forza e unha "denominación de orixe" é o paradigma do aglutinar esforzos e poñer orde. E isto último tamén é moi necesario, xa que no control está o triunfo e unha denominación ten que ter paixón, as cousas claras e moita orde. Podería mesmo extrapolarse a outras realidades da nosa vida. Por outra banda, a figura da muller emprendedora nova tamén ten que ser central no discurso, porque Lara é un exemplo no que hai que fixarse. O ano pasado estiven no pregón e non a coñecía, pero percibín a súa forza. E, por último, temos que trasladar a realidade e os problemas que estamos a ter no rural ourensán. Teño que ser realista e tocalos para xerar esperanza. Non é sinxelo facelo sen atacar a ninguén, pola realidade que temos no nosos rural. Festas coma esta dannos forza pero hai outros días do ano nos que hai que seguir loitando contra o pesimismo. 

WhatsApp Image 2019-07-26 at 13.21.43Rubén Riós, cunha claqueta feita por persoas con discapacidade intelectual do colectivo ASPAR La Besana (Salamanca). | FOTO: Rubén Riós

A botella de viño é un punto de conexión, que sabendo bebelo ben, aínda suma máis, porque non falamos igual co primeiro viño que co terceiro. (...) Galicia é taberna. Eu moitas veces intento, dentro do pouco tempo que teño, ir ata algúns bares de Verín tomar un viño ao mediodía con xente que é profesional (...). Son profesionais da taberna, que non borrachos.

En relación con iso, é evidente que o propio carácter do sector vitivinícola no rural ourensán nace da pequena bodega, da empresa familiar, do emprendemento… forma parte esa actitude emprendedora da nosa idiosincrasia como galegos?

Carallo, é que o galego é emprendedor de sempre, e ti sábelo. Eu véxoo nos meus pais. Todo o que teño e o que son é porque me inculcaron emprender na nosa terra. Se non tivera iniciado proxectos no noso rural, non tería comprendido a dimensión do que implica a nosa terra. Por iso eu creo que esas bodegas pequenas unidas en torno á denominación de orixe representa o que precisa a nosa zona. Moitos bodegueiros, cada un cunha marca e cun público obxectivo diferente… iso é o que nos fai grande: un mismo produto posicionándoo en distintos ámbitos e niveis. A min onte mandábanme unha foto dun viño de Monterrei nun dos restaurantes chinos máis importantes de Madrid. E despois tamén é certo que estamos nos mellores momentos… onde compartimos con xente que vemos pouco? Na mesa! E cando ti ves aí a botella é un punto de conexión, que sabendo bebelo ben, aínda suma máis, porque non falamos igual co primeiro viño que co terceiro. Non vas borracho pero ábreste máis, e aí é cando mellor se negocia. Galicia é taberna. Eu moitas veces agora intento, dentro do pouco tempo que teño, ir ata algúns bares de Verín tomar un viño ao mediodía con xente que é profesional do tomar viños ao mediodía. Son profesionais da taberna, que non borrachos. A súa forma de apoiarse na barra, de falar e dirixirse a ti… iso tamén é parte da nosa idiosincrasia.

E supoño que, dende o punto de vista da túa profesión, na taberna tamén é onde se atopan as mellores historias, non?

Eu de feito creo desde aí. Agora que estou creando un proxecto moi grande a nivel estatal, vexo como fala un bodegueiro, como fala un recolector, as miradas da xente… dende esa raíz e como eu creo os meus personaxes. Porque eu podo crear historias americanas a partir de libros ou outras películas, pero eu teño que crear co que me criei, dende esa idiosincrasia. 

De pequenos dinnos que estudemos para non luxar as mans coa terra, que estudemos aquí e produzamos fóra. E se iso lle sumamos a falta de proxectos innovadores (...), todos temos parte de responsabilidade na situación do rural.

E se somos unha terra emprendedora e creativa por natureza, cunha idiosincrasia moi marcada no medio rural, por que morre o noso rural? Porque semella que temos todos os ingredientes para despuntar e sermos visibles, pero seguimos perdendo poboación…

Todos nos centramos moitas veces, que tamén teñen a súa parte de culpa, na administración pública. Coido que unha parte desa responsabilidade está na administración e a outra parte en que na educación que nos dan de pequenos dinnos que estudemos para non luxar as mans coa terra, que estudemos aquí e produzamos fóra. E se iso lle sumamos a falta de proxectos innovadores, que as subvencións públicas deben ser un apoio que non cubra o proxecto total… ao final temos unha suma moi relevante. Todos somos artífices do cambio para ben e todos temos parte de responsabilidade. E nalgúns casos estamos nunha situación límite. Despois é certo que hai exemplos na nosa provincia onde se están facendo as cousas ben, independentemente da cor política. Eu cando vou coas miñas curtametraxes onde se ven castiñeiros a Cuba, impresiónalles máis que as palmeiras do Caribe, porque alí non teñen iso. Se vendemos ben a nosa zona temos moito futuro, pero fáltannos proxectos globais que saian das nosas fronteiras. Porque cando creamos proxectos globais como o viño, rematamos situándonos en todas as mesas do mundo.

WhatsApp Image 2019-07-26 at 12.48.49Rubén Riós acompañado da actriz portuguesa Victoria Guerra, na rodaxe da coprodución galego-portuguesa "Auga seca". | FOTO: Rubén Riós

Falemos tamén da túa carreira nos últimos anos. Hai xa tempo iniciaches un proxecto como é Vida e Máis ca vida, que coido que che ten dado grandes alegrías. Que supuxo para ti unha produción audiovisual coma esta?

Eu creo que ese é o mellor exemplo de que hai que dar sen esperar nada a cambio, porque todo ben de volta, como a min me ensinaron na casa. Eu cando comecei no 2012 a crear un proxecto audiovisual con persoas en situación de exclusión social, non agardaba que isto se puidese chegar a converter nun método de traballo empregado a nivel estatal e entrelazándose con outros proxectos novos. O feito de que anos despois un director como Javier Fesser –director de Campeones– se fixase no mesmo colectivo e cos mesmos ingredientes, é evidencia da importancia que ten. Cando eu comezo con isto fágoo porque o vexo como unha necesidade e estaba convencido de que o audiovisual, ao igual que todas as artes ou mesmo o xornalismo e a política non poden só entreteñer ou informar. Teñen que emocionar e facernos pensar. O ser humano é curioso por natureza. Se nós facemos pensar á sociedade, esta comeza a facer preguntas. E se a sociedade comeza a facer preguntas, acaban chegando as respostas. Eu ao comezo de Vida pequei de ignorante, porque cría que era eu quen lle ía facer una favor ao colectivo, pero logo de tres meses dinme conta de que a miña aprendizaxe e a mensaxe que eu recibía era moito máis potente do que daba. E logo isto puidose converter nunha ferramenta de inclusión sociolaboral. E agora isto converteuse na miña vida, porque estou traballando coa fundación máis potente deste país e desenvolvendo un proxecto coa produtora Boomerang que pronto poderei contar. 

E en que máis proxectos está agora Rubén Riós? Polo que sabemos polo momento, vai interpretar na ficción a Juan Pardo nunha produción sobre a súa vida…

Pois din vida a Juan Pardo na pantalla que foi un proxecto que non esperaba e despois saiume a serie Auga seca, unha coprodución internacional galego-portuguesa a través da produtora Portocabo. Despois de tantos anos teño que estar moi agradecido porque me volvín sentir actor na miña terra. Por outra banda estou desenvolvendo documentais e curtametraxes do método dimmb, que é o primeiro método de emprego do cinema como ferramenta de inclusión sociolaboral a nivel estatal. A produtora Boomerang tamén se fixou no meu traballo e estamos desenvolvendo varios proxectos dos que poderei falar máis en setembro, cando estea en firme. Pero eu sigo aberto a propostas rurais. O pregón para min é un punto de apoio moi importante, nese sentido. Para min é moito máis ca un pregón, sobre todo cando as relacións co meu concello neste momento non son as mellores, debido a que eu non creo na xestión que se está levando a cabo. E cando falo e me pronuncio sobre isto, non é con ánimo de atacar a ninguén persoalmente, é porque viaxo, vexo e me gusta que isto creza. E cando vexo que se está nunha zona de confort, prodúceme decepción, desilusión e faime estar aberto a novas propostas e proxectos. 

Cando vin que o que realmente se quería era que non houbese Festival de Riós é cando apareceu a total decepción. (...) Algo se está facendo mal e por iso eu teño que deixar de facer cousas alí onde non se me quere. Xusto por esa razón este pregón é tan importante para min. 

A raíz do que estás comentando, que pasou co Festival de Riós? Porque hai moita xente que non sabe as razóns polas que este evento desapareceu. 

E despois de dez anos. Ultimamente é a moda dos festivais en todos sitios, pero con isto levabamos unha década. É unha perda e é un fracaso persoal meu e do Concello de Riós. Iso está claro. É por unha falta de aposta por parte da administración municipal de Riós, que realmente ata o terceiro ou cuarto ano do festival non comezou a apostar polo proxecto. Cando no concello viron que alí ían referentes como Luis Tosar, Los Suaves, Cristina Pato, Susana Seivane ou Javier Gutiérrez… non lles quedou máis remedio. E despois é relevante o feito de termos estado posicionando o rural non só a través da música senón cun evento onde se congregaba xente de todas as idades. Eu prefiro menos xente no festival pero que o teu avó ou o meu poidan desfrutar da experiencia de ver á filla de Juan Pardo, a Roberto Vilar, a Isi… e conectar despois coa xente moza. Por iso isto foi crecendo moito ano a ano. Máis de 25.000 persoas pasaron en dez anos polo Riós por primeira vez grazas ao festival. E cando veñen por primeira vez, logo volven. Chegou un momento en que estaba moi queimado por non existir unha aposta real do Concello de Riós, porque aquí non só se trata de aportar unha pequena cantidade anual. Estando na zona de confort, ninguén nos vai traer nada á casa. Eu plantei co festival hai un par de anos pensando que ía haber unha negociación, e esa negociación nunca chegou. Cambieino de data pensando que ía haber outra reacción e deixando as portas abertas a falar e nada. E cando vexo que o que realmente se quería era que non houbese Festival de Riós é cando aparece a total decepción. Falei moi claro sobre isto na Radio Galega cando foi a Ruta da Castaña. Cando comprobas que á Ruta do Talento se lle acaba poñendo unha tea metálica por falta de negociación cun veciño que estaba disposto a negociar... é que era un souto de castiñeiros onde está a alma de Neira Vilas, de Roberto Verino e de moita outra xente que loitou polo noso país. Algo se está facendo mal e por iso eu tiven que deixar de facer cousas alí onde non se me quere. Xusto por esa razón este pregón é tan importante para min. 

Rubén Riós: "Galicia é taberna. Non falamos igual co primeiro viño que co terceiro. É...
comentarios