viernes. 19.04.2024
No mes de xullo cumprirá dous anos como presidenta da Denominación de Orixe

Lara da Silva: “Xa sabemos que Monterrei vende viño, pero tamén o noso viño vende Monterrei”

Hai quen di que o viño e o liderado son cousa de homes. Pero sempre podemos botar man dos exemplos que a realidade nos outorga para acalar os argumentos baseados na ignorancia. Lara da Silva é muller, a segunda en ocupar o cargo de presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo e diplomada en Criminoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, está a piques de acadar o segundo aniversario do seu cargo. Chegou ao Consello en xullo de 2017.

Lara da Silva Rodríguez
Lara da Silva, posando diante do cartel da Denominación que preside. | FOTO: Cedida

ENTREVISTA | Ana Noguerol

Dende hai case dous anos é a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Como afrontou todo o proceso de adaptación e execución do cargo directivo?

Cun gran sentido da responsabilidade. Cando se representa a un colectivo, e neste caso un tan competitivo como é o do viño, ás veces é complicado. O importante é ter claro o obxectivo, e traballar con ganas e ilusión polo proxecto Monterrei. Esa é a máxima: traballo e constancia.

Na mesma liña, como é facer da responsabilidade, da disciplina e da imparcialidade bazas imprescindibles á hora de aportar valor e recoñecemento para a actividade vitivinícola da zona?

Como vostede ben apunta, e así tamén o opino, eses son os valores básicos para unha boa xestión. E precisamente eses son os valores que dende o meu comezo na Denominación de Orixe Monterrei, tento aplicar todos os días. E aínda engadiría tres cuestións máis: a necesidade tamén de autoesixencia, autoanálise e autocrítica. Con absoluta sinceridade, ao longo do ano en Monterrei, plantexámonos moitisimos proxectos, algúns con moi bos resultados e outros ás veces, que non saen como esperamos. Pero o importante é saber que traballamos por Monterrei, pola súa calidade, pola súa visibilidade, e evidentemente porque iso se convirta en novas oportunidades para as nosas adegas e para os nosos viticultores.

A Denominación está a vivir un período de moita actividade promocional nos últimos tempos...

Si, a verdade é que se facemos un pequeno repaso, non paramos. Por unha banda, os nosos viños xa estiveron presentes en feiras profesionais como Xantar, Vinisterrae, Fórum Gastronómico de A Coruña, Fenavin… Por outra, e dende a propia Denominación, xestionamos varios eventos promocionais por varias cidades a nivel nacional como Madrid, Fisterra, San Sebastián… E de feito, vimos de estar presentes en Bilbao. Neste senso, tratamos de apoiar as nosas adegas precisamente na búsqueda de novas redes comerciais para reforzar así a venta do producto e seguir creando a marca Monterrei.

A maiores, tivemos varias misións inversas, e por suposto, visitas de diferentes entidades relacionadas con sector do viño ou do propio enoturismo. Xa sabemos que Monterrei vende viño, pero tamén o noso viño vende Monterrei.

Temos en mente voltar a feiras tan fundamentais como Prowein no vindeiro 2020, e buscar a colaboración con outras administracións como o IGAPE, para marcar unha estratéxia de internacionalización. 

E ademais, a actualidade é un período de vitorias. Iso podemos dicir dado que a DO obtivo catro premios Baco da Unión Española de Catadores: dous ouros de Abeledos e Apertas e dúas pratas para Ceo Godello e Pepa Porter. Como percibe e sinte a obtención destes galardóns?

Síntome moi orgullosa da xente que traballa o campo na nosa comarca, por non decaer nunca ante as adversidades polo que, en primeiro lugar, quero darlles a noraboa públicamente aos galardoados dos Baco e tamén a todos os que acadaron outros premios ao longo do ano baixo o selo de calidade Monterrei. Estes recoñecementos evidencian a calidade diferenciada dos nosos viños polo que novas coma esta, son recibidas con moita alegría. Ás veces, é importante que a loita e o esforzo teñan a súa recompensa e recoñecemento, así que lles desexo que disfruten moito dos galardóns e que veñan cargados de novas oportunidades porque son seus, e froito dun gran traballo. 

Que balance pode facer da proxección da DO Monterrei a nivel nacional e internacional neste primeiro semestre do ano?

A nivel nacional a verdade é que o feedback, pese a ser un mundo moi competitivo, é positivo. De feito, foi algo que puiden comprobar “in situ” en Fenavin, porque despertamos un elevado interés en canto a zona vitivinícola que somos. Evidentemente isto acontece pola demanda que suscitan os nosos viños. En calquera caso, para a Denominación de Orixe o importante é transmitir que a nosa máxima é a búsqueda dunha excelencia, dunha calidade como valor engadido. A nivel internacional, non imos negar que si existe competencia a nivel nacional, fóra o mercado é exponencialmente mais complexo. En calquera caso, e en relación a producción total, a Denominación de Orixe Monterrei ten acadado porcentaxes de exportación nada desdeñables. O que si lle podo adiantar  e que temos en mente voltar a feiras tan fundamentais como Prowein no vindeiro 2020, e buscar a colaboración con outras administracións como o IGAPE, para marcar unha estratexia de internacionalización. 

Podo adiantar que excepto que aconteza algún incidente, para esta próxima vendima xa contaremos cunha nova adega.

Como afectan os cambios das condicións climatolóxicas na produción vitivinícola da zona? Que medidas considera urxentes por parte das Administracións?

Particularmente este ano, non sufrimos incidencias destacables polo que se a evolución continua como o de ata agora, esperamos e desexamos disfrutar dunha gran colleita.

De maneira xeral, podo apuntar que xa non é unha sorpresa que as condicións climáticas cada vez son máis cambiantes, polo que o famoso cambio climático está aí. E máis, pode supor un gran reto para o sector e incluso cambios nas formas de cultivo. Algúns expertos falan de buscar zonas de altitude, outros do uso de determinados recursos como as cubertas vexetais… O que si esta claro é que teremos que adaptarnos. 

Que nos pode adiantar da Feira do Viño deste ano?

Coma todos os anos, será o segundo fin de semana de agosto, este ano, os días 9,10 e 11. De feito, convocamos hai unhas semanas o concurso para o cartel oficial da Feira, polo que permítame animar a todos aqueles que queiran, a participar.

No relativo a organización, estamos xa ultimando detalles.  Nun inicio a idea é seguir mantendo un espazo individualizado e propio para cada adega, tal e como se fixo por primeira vez o ano pasado. Trátase de buscar pequenas melloras, que fagan que o visitante disfrute dunha experiencia agradable na que non só disfrute ao seu ritmo dos nosos viños, senón tamén das distintas ofertas a nivel cultural, patrimonial e gastronómico da nosa comarca.

E por último, contempla a medio ou longo prazo aventurar a súa carreira nalgún proxecto político?

Non teño tempo (risas). O que me plantexo agora mesmo é o proxecto Monterrei. Traballar polas adegas e polos viticultores que o forman, é a miña prioridade e responsabilidade. Buscar e atraer novos proxectos para o noso rural e darlles a mellor benvida. De feito, podo adiantar que excepto que aconteza algún incidente, para esta próxima vendima xa contaremos cunha nova adega.

Lara da Silva: “Xa sabemos que Monterrei vende viño, pero tamén o noso viño vende...