sábado. 20.04.2024
Ademais do concurso de escaparates de cinema, AEVER patrocinará a homenaxe á actriz Mabel Rivera, unha das actividades paralelas organizadas ó abeiro do FIC Vía XIV

Comerciantes e empresarios de Verín apoian a celebración do Festival de Curtas pondo en marcha diversas accións promocionais

O xerente da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Verín, José Ángel Rodicio, comprometeu o apoio da entidade ó certame ó considerar que "o festival vai atraer ata a vila novamente a numeroso público e isto redundará positivamente no comercio e na restauración locais".

Escaparates de Cinem 2019_presentación AEVER
Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, José Ángel Rodicio, xerente de AEVER, Santos Álvarez Diéguez, presidente de AEVER, e Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do FIC Vía XIV.

Un ano máis, a Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) vén de demostrar o seu compromiso coa celebración do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV. Esta mañá confirmábanse as accións promocionais que levará a cabo a entidade empresarial de Verín co fin de colaborar coa organización do certame de cinema que se celebrará na vila do 30 de novembro ó 8 de decembro.

Demostrando a súa implicación, AEVER será a entidade patrocinadora da actividade paralela do Festival de Cine que renderá homenaxe á actriz Mabel Rivera. Feito que o director do certame, Carlos Montero, quixo agradecer salientando a implicación dos comerciantes e empresarios de Verín que "patrocinan este ano unha das actividades máis sobranceiras do certame".

premio-da-cultura-galega mabel rivera

A actriz mabel Rivera recollendo o Premio da Cultura Galega - Artes Escénicas que lle foi concedido no 2017.

En torno á figura da actriz articularase unha actividade complementaria do FIC Vía XIV; ademais da propia homenaxe a Mabel Rivera, os espectadores poderán participar nunha charla coa actriz e visionar a proxección dunha selección de curtametraxes nos que ten participado Mabel Rivera ó longo da súa dilatada carreira.

ESCAPARATES DE PELÍCULA

Será a segunda edición dun concurso no que poderán participar todos aqueles establecementos comerciais asociados a AEVER que decoren os seus escaparates con temáticas relacionadas co mundo do cinema. Unha iniciativa promovida por AEVER e o FIC Vía XIV que premiará ós tres mellores escaparates e coa que pretenden facer partícipes a todos os comerciantes da vila na celebración do Festival de Curtas.

Para optar ós premios, os locais comercias deberán centrar a decoración dos seus escaparates no eido cinematográfico con total liberdade en canto á técnica e estilo. Os gañadores coñeceranse ó longo do Festival de Curtas, logo de que o xurado valore: creatividade e orixinalidade, combinación de elementos e cores e a iluminación e composición dos mesmos.

FIC VERIN AEVER_ESCAPARATES_ganador 2018O "Escaparate de Película" deseñado polo establecemento Casa del Mueble foi o ganador da primeira edición do concurso, celebrada o ano pasado.

A inscrición no concurso de escaparates haberá que formalizala a través da sede da AEVER e poderá facerse ata o vindeiro 27 de novembro. Os participantes deberán dispor os seus escaparates dende o 28 de novembro, mércores, ata o domingo 8 de decembro. Durante este tempo, deberá estar visible o distintivo de participación no concurso, que se facilitará no momento da inscrición.

Ademais de lucir motivos relacionados coa sétima arte nos seus escaparates, os establecementos adheridos a AEVER sortearán bonos e entradas para o certame de cine entre os seus clientes. Co desenvolvemento destas accións promocionais, dende AEVER, poñen de manifesto o seu compromiso co Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín.

O xerente da AEVER, José Ángel Rodicio, comprometía esta mañá o apoio da organización que preside Santos Álvarez Diéguez ó desenvolvemento do Festival de Curtas ó considerar que "o festival vai atraer ata a vila novamente a numerosos público e isto redundará positivamente no comercio e na restauración locais".

Comerciantes e empresarios de Verín apoian a celebración do Festival de Curtas pondo en...