Verín tamén será escenario de “As Augas”, a primeira longametraxe que dirixe a verinesa Ledicia Sola
Verín e a Veiga das Meás, en Vilardevós formarán parte da rodaxe de As Augas, a ópera prima da actriz e directora verinesa Ledicia Sola, que comeza estes días na provincia e que terá como un dos seus escenarios o noso concello. A película, definida como “netamente ourensá”, rodarase maioritariamente en Muíños, pero tamén contará con localizacións en Verín e na cidade de Ourense.
A presentación oficial do inicio da rodaxe tivo lugar este xoves no Centro de Interpretación do Corgo, en Muíños, nun acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen puxo en valor o carácter ourensán do proxecto e o talento “da nosa terra”. Menor subliñou que o apoio institucional a esta produción encaixa na aposta pola cultura e identidade provincial como motor de desenvolvemento social, económico e turístico.
“Con este novo proxecto que impulsamos desde a Deputación, poñemos en valor a creatividade ourensá á vez que contribuímos a seguir mantendo a Ourense como referente no mundo da cultura promocionando esa imaxe de “Ourense cultural” que é froito de moitos anos de traballo, de crenza nos nosos e de aposta polos que nos levaron ata onde hoxe estamos: no mellor plató de cine do mundo”, explicou o presidente provincial.
Dous verinenses diante das cámaras
Para Verín, a presenza de As Augas supón unha oportunidade de proxección cultural e tamén de actividade económica ligada á rodaxe. A película, que se gravará entre o 23 de febreiro e o 14 de marzo en distintos puntos da provincia, conta cun elenco destacado encabezado pola propia Ledicia Sola, xunto ás actrices Melania Cruz, Marta Larralde e Lidia Veiga. Ao seu carón estará tamén o actor verinés Toni Salgado, reforzando aínda máis a pegada local do proxecto.
A produción está financiada pola Deputación, pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) —dependente da Xunta de Galicia— e pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (TVG), e conta coa coprodución de Maruxiña Film Company e Matriuska Films, dúas das compañías máis recoñecidas do audiovisual galego, responsables de títulos como Ons, Matria ou Os Fenómenos.
Durante a rolda de prensa tamén interveu o director de Agadic, Jacobo Sutil, quen destacou a achega de 280.000 euros concedida ao filme na convocatoria de 2023 de axudas á produción e coprodución audiovisual galega. Segundo sinalou, este tipo de apoios permiten consolidar un sector que produce en Galicia, con equipos profesionais propios e historias que nacen aquí.
Para Verín, que agora verá como parte do seu territorio se transforma en plató, esta rodaxe é algo máis ca unha nova produción cinematográfica: é o debut na longametraxe dunha creadora da casa, unha muller con fondas raíces nesta comarca que dá o salto á dirección cun proxecto que respira identidade ourensá por todos os seus poros. Un orgullo local que pronto comezará a rodarse tamén nas nosas rúas.
"Vin que as mulleres da miña vida non estaban suficientemente representadas na pantalla"
A actriz, e agora xa directora, Ledicia Sola foi quen pechou a rolda de prensa de presentación da súa primera longametraxe. Reiterou os agradecementos a todas as institucións que achegaron financiación para o seu proxecto, moi especialmente ao Concello de Muíños, "onde nos recibiron cos brazos abertos", asegurou.
Incidiu na necesidade de darlle visibilidade aos lugares que están a sufrir unha galopante despoboación e comprometeuse a "facer unha película o máis honesta posible co territorio", dixo Ledicia.
O filme, como así tamén apuntou, ten moito de autobiográfico: "Comecei polo guion, e organicamente todo meu foi levando ata a dirección da película. Vin que moitas das mulleres do meu entorno non estaban suficientemente representadas na pantalla, e decidinme a contar a súa historia. A longametraxe transita pola vida de tres amigas de 40 anos que experimentan unha crise vital que as leva a ver que existen outras maneiras de vivir", explicou a verinesa.
Este luns 23 comezará a rodaxe nos exteriores das instalacións de Cabreiroá, nos montes do Pozo do Demo -achegándose á localidade da Veiga das Meás, en Vilardevós- e tamén nas rúas do casco vello de Verín.