Xoves. 28.03.2024
O GRUPO DE TEATRO CHÉVERE RECABOU TESTEMUÑAS SOBRA A MORTE DO ENXEÑEIRO FERNÁNDEZ-ESPAÑA

De Lira: "O que si sabemos é que Verín comezou a esmorecer cando España morreu naquela curva"

A compañía de teatro Chévere xa traballa na súa vindeira representación, que será na Mostra Internacional ribadaviense. E o Mente e a curva onde faleceu o enxeñeiro José Fernández-España y Vigil serán protagonistas. Ao longo do día de hoxe o grupo, co televisivo "Currás" -Miguel de Lira- como rostro más recoñecible, gravaron a varios veciños que tiñan algo que dicir sobre a historia dunha morte que ben poido mudar o rumbo da vila e da súa contorna.

A Biblioteca Municipal de Verín recibiu hoxe a unha parte dos integrantes da compañía teatral Chévere, entre os que se atopa o televisivo Miguel de Lira, que deu o salto á fama logo de interpretar o papel de "Currás" na inesquecíbel serie "Mareas vivas" da TVG. E fixérono para afondar nunha misteriosa historia da que aínda non se coñece con exactitude o que ocorreu, a morte do enxeñeiro José Fernández-España y Vigil nunha das curvas da estrada nacional á altura do Mente, pertencente ó Navallo (Riós). Foi un taxista de A Gudiña, cando os membros da compañía se desprazaban ata Verín para unha representación teatral, o que lles contou a historia que os deixou tan marabillados que poucas horas despois decidiron que o vindeiro traballo de Chévere sería ise, unha obra de teatro que tentase desentrañar o acontecido na medida do posible. Mesmo, como así recoñeceu Miguel de Lira, "pode que de todas as entrevistas que se recolleron saia un documental".

De Lira afirmaba esta mesma mañá, logo de escoitar a Bruno Rúa, un dos relatores gravados polas cámaras de Chévere, que "non teño moi claro o que ocorreu aquela noite do 26 de maio de 1927, o que si sabemos é que España morreu naquela curva e Verín seica esmoreceu un pouco", en alusión ás versións escoitadas nas que a lenda popular certifica que Fernández-España foi asasinado por ser un firme defensor do trazado do ferrocarril polo val -seguindo unha liña que veu a reproducir moitos anos despois a actual autovía A-52- e non polo medio dos montes da provincia como así foi, tanto na primeira das súas construccións como tamén no máis recente deseño dos camiños de ferro da alta velocidade.

O resultado de todo o recollido tanto en A Gudiña como en Verín plasmarase nunha obra de teatro que se estreará na Mostra Internacional ribadaviense e que se chamará, como non, "Curva España".

De Lira: "O que si sabemos é que Verín comezou a esmorecer cando España morreu naquela...