viernes. 19.04.2024
Sabela Souto ás portas da presentación da súa curta Santa Baia de Montes. | FOTO: FIC Vía XIV
Sabela Souto ás portas da presentación da súa curta Santa Baia de Montes. | FOTO: FIC Vía XIV

A protagonista de hoxe é coñecida como Sabela Souto, unha moza de 21 anos da Pousa -Monterrei-, estudante de Comunicación Audiovisual en Pontevedra pola Universidade de Vigo e directora da curtametraxe presentada a concurso nesta IV edición do FIC Vía XIV de Verín, Santa Baia de Montes. A fotografía e o documental, dúas das súas moitas afeccións. Ela di que unha das cousas que máis a estresan é ter que definirse, así que, aí vai a conversa con Sabela para poder coñecer un anaquiño do seu mundo ao redor de Santa Baia de Montes.

Para todo aquel que estea intereado en ver a curtametraxe, Santa Baia de Montes volverá a proxectarse no Auditorio de Verín este xoves ás 18:30 horas e venres as 17:00 horas.

sabela 2Sabela Souto falando da súa curta Santa Baia de Montes no FIC Vía XIV de Verín. | FOTO: FIC Vía XIV

En que momento decide crear Santa Baia de Montes?

Todo parte dun traballo que tiven que facer para a Universidade o curso pasado, neste caso a Universidade Católica do Porto porque estaba alí de Erasmus. Consistía en elaborar unha curtametraxe e tiñamos un período de 9 meses, é dicir, tiñamos todo o curso para desenvolver o proxecto. Ademais diso había que responder a un tema, a biodiversidade. A cabeza foime cara os incendios e enfiando unha cousa con outra acabei en Santa Baia de Montes facendo algo que nun principio ía ser moi distinto.

En que se inspirou para crear esta curtametraxe?

Realmente non me inspirei en nada concreto, aínda que hai moitas cousas detrás que me inspiran. De repente deixáronme ver que o que me gustaba e o que eu facía tiña valor. Así que simplemente fixen o que me gustaba.

Como foi a produción?

A produción foi máis simple do que debería ter sido, supoño. A creación da curta basouse no meu coche e eu indo dun lado para outro e falando con aquel e co outro. Necesito axuda en produción (entre risas).

Co traballo xa acabado e facendo balance, que significou a curta para vostede?

Para min a curta é un diario e iso é moi importante. Todo o que conleve expoñer algo da túa intimidade paréceme forte. Igual para o espectador non o é tanto porque quen realmente sabe o que hai detrás son eu, pero para min expoñerme así é forte. Facendo balance e sen ser esaxerada, a min Santa Baia cambioume a vida, pode que porque me tocara gravalo nun ano difícil, pero ó fin e ó cabo Santa Baia foi o meu ano, así que me cambiou a vida. O bo é que ma cambiou en todos os aspectos, tanto persoal como profesional. Síntome máis segura en ambos.

Para min a curta é un diario e iso é moi importante. Todo o que conleve expoñer algo da túa intimidade paréceme forte.

Que é o máis positivo e o máis negativo que se leva de Santa Baia de Montes?

O negativo foi o tempo que pasei alí porque coincidiu cunha mala época, repito. Pero ó final esa negatividade acabou sendo positiva. Paréceme unha pregunta moi difícil a verdade. Hai cousas negativas, moi negativas, pero en conxunto é todo positivo porque o souben canalizar a través do documental. A peza final despois de todo o ano e todas as montaxes, conseguiu converter todo negativo nalgo positivo.

Por que decidiu presentar Santa Baia de Montes ó Festival?

Presenteina ó FIC porque quería estar no FIC. Se tiña a posibilidade de entrar íaa aproveitar, e fíxeno. Inscribinme o 20 de xullo dende a casa da miña amiga Belén porque na miña o wifi vai lentísimo e non me subía a tempo. Entereime en outubro de que estaba dentro. Foi coma un obxectivo que quería cumplir e mira, conseguino. Ás veces non mo creo. Non o podo pensar moito porque non mo creo.

O sábado pasado, na presentación do FIC, todo o público puido coñecer a súa curtametraxe. Que sentiu ó ver que a súa creación estaba sendo vista por tanta xente? Sen esquecer que no Festival comparte espazos con directores de gran recoñecemento.

Para min foi un soño en verdade. Igual son unha esaxerada, pero hai dous anos fun voluntaria no FIC e agora teño unha curta na sección oficial, para min é unha auténtica pasada. O de que estou con directores de gran recoñecemento prefiro non pensalo porque non sei se rir ou chorar... non mo creo!

E o día previo a presentación da curta, como foi?

Estaba nerviosa porque quería chegar xa a Verín para poder organizarme e planificar a miña fin de semana. Era un sábado moi inteso... resolución do concruso do Entroido, manifestación polo Hospital e FIC. Eu estaba que vomitaba nervios, pero ó final funme calmando e despois xa quedei liberada.

Tras a súa presentación no FIC e a visualización da curta, que pensa facer con esta? Levara Santa Baia de Montes a outros festivais ou a concursos?

A miña idea é poder proxectala onde poida. Intentarei aproveitar todas as oportunidades de levala a festivais e presentala a concursos, e unha vez que se lle remate a vida terei que volver pensar en que facer.

Ademais de Santa Baia de Montes, que outros proxectos está levando a cabo ou ten en mente?

Agora mesmo estou traballando nun proxecto para o Novos Cinemas, o Festival de Cinema de Pontevedra, incluído dentro do Obradoiro con Jaione Camborda. Despois diso teño que adicarme ó meu traballo de fin de grao, que será tamén un documental, desta vez na miña casa ca miña avoa e a miña tía bisavoa. E bueno, se sae algunha máis, pois intentarei facer malabares.

Na súa conta de Youtube poden verse diversos vídeos ao longo dos anos, cal é a pegada que quere deixar nas súas creacións?

Eu quero ser eu nos meus vídeos. Se os meus vídeos me deixan calmada porque sei que fixen o que quería entón eu xa estou conforme.

E sobre o futuro?

O futuro depende das decisións que tome eu, e como non teño aínda claras esas decisións, o meu futuro está en construción nalgún limbo. É o tipo de pregunta que me atormenta. Non sei que quero ser, pero creo que pouco a pouco o estou descubrindo. Non sei como de pouco a pouco... pero descubrireino, non?

.

Sabela Souto: "Eu quero ser eu nos meus vídeos"