miércoles. 24.04.2024
A actriz, gañadora dun Goya por "Mar Adentro", estará presente na cuarta edición do Festival de Curtas de Verín

O FIC Vía XIV homenaxea a Mabel Rivera e organiza un concerto de música cubana entre as súas actividades paralelas

Mabel Rivera foi unha das primeiras en mostrar apoio á posta en marcha dun Festival Internacional de Curtametraxes en Verín. Deleitounos co seu bel canto para demostralo. Nesta IV edición do Festival ríndeselle homenaxe pola súa longa traxectoria. O concerto da Changana Cuba Jam Party mesturará música electrónica cubana e percusión no marco da retrospectiva de cinema cubano que se proxectará no FIC Vía XIV.

mabel rivera02
A actriz Mabel Rivera asistirá ó FIC Vïa XIV participando nunha charla cos espectadores. | FOTO: web Mabel Rivera.

Que Mabel Rivera posúe unha dilatada traxectoria artística é ben coñecido por todos... En Galicia, quen non lembra a súa participación en "Pratos Combinados"? Máis aló da nosa terra, o seu papel en "Mar Adentro" foi recoñecido cun Goya como Mellor Actriz de Reparto no ano 2005. Pero hai máis: cinema, televisión e teatro coma actriz; documentais como produtora, presentadora, tradutora, axudante de dirección, e actriz de dobraxe. Un non parar dende que se iniciara no teatro aló pola década dos 70.

Iste ano o FIC Vía XIV vaille render unha homenaxe á actriz galega, tomando o relevo do tamén actor Antonio Durán "Morris". En torno á figura de Mabel Rivera os organizadores do Festival de Curtas artellaron unha actividade paralela complementaria ó propio festival. "Incluirá unha charla coa actriz e a proxección dunha selección de curtametraxes nas que ten participado ao longo da súa fecunda carreira", explica o director do certame, Carlos Montero.

Así que, Mabel Rivera andará por Verín para festexar a súa homenaxe dentro do Festival; así llo confirmou ós organizadores ó tempo que afirmaba sentirse "moi agradecida" por ser escollida para iste recoñecemento. E, como non facelo? Cando ela mesma realizara, xa no 2016, un vídeo animando á organización do FIC Vía XIV pola súa iniciativa. 

Son palabras da propia actriz, Rivera considera importante respaldar “aqueles espazos que, coma o FIC Vía XIV, achegan propostas e tendencias cinematográficas aos habitantes das vilas galegas, que non sempre teñen acceso á maior oferta de contidos e á axenda cultural que existe nas nosas cidades”.

A vida nos escenarios de Mabel Rivera

Naceu en Ferrol aló polo ano 1952, trasladándose a Santiago de Compostela para estudar Filoloxía Inglesa e licenciarse no 1984. Xa daquelas levaba moitos anos subida ós escenarios dos teatros; comezou na décado dos 70 a interpretar varios papeis e debéronlle gustar máis as táboas que a Filoloxía porque, anos despois, decidiu estudar Arte Dramático.

Cando no 1984 se funda o Centro Dramático Galego, Mabel Rivera incorpórase como actriz nun dos primeiros elencos da compañía institucional galega. Nembargantes, será a televisión quen a poña na retina de todos os galegos cando interpretou a Balbina, protagonista indiscutible de "Pratos Combinados"

Logo chegou Mar Adentro, película oscarizada de Alejandro Amenábar, e Mabel recibiu o Goya á Mellor Actriz de Reparto, o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española e outros moitos recoñecementos pola súa interpretación na película.

Concerto de música cubana

Non será a única actividade dentro do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV. No marco da programación paralela do Festival haberá unha retrospectiva de cinema cubano; proxectaranse diferentes curtas realizadas no país nos últimos anos e, como complemento, programan un concerto de música cubana no pavillón deportivo da vila o día 5 de decembro.

Segundo explica o director do certame, Carlos Montero, "Ocorréusenos ir un paso máis alá e, ademais de achegar a tendencia do que se está a facer no eido audiovisual cubano, traer ata Verín dúas figuras representativas do son e da música actual na illa". Diste xeito, compleméntase a programación de actividades paralelas do FIC Vía XIV, co obxectivo de ofrecerlle ós espectadores un completo abano de actividades culturais de todos os estilos ó abeiro da cinematografía

"Trátase dunha animada sesión musical que chega ata a nosa vila como unha acción enmarcada dentro da axenda de ocio e de lecer que estamos a promover dende a organización do Festival de Curtas", destaca Carlos Montero.

FIC2019_concerto cubano_ Djoy de CubaDjoy de Cuba, pioneiro do movemento rave cubano e recoñecido pinchadiscos da Habana.

A sesión musical correrá a cargo de Joyvan Guevara Díaz, máis coñecido como Djoy de Cuba, e Williams Richart Cardoso. O primeiro deles é un dos “pinchadiscos” máis coñecidos na escena musical da Habana e un dos pioneiros do movemento rave cubano alternativo. O segundo é célebre, tamén no país caribeño, polas súas facetas de percusionista, batería, compositor, produtor musical e cantante. 

FIC2019_concerto cubano_ Williams Richart CardosoO polifacético Williams Richart Cardoso será o encargado da percusión no concerto de música cubana.

"Xuntos traerán ata Verín unha combinación de estilos musicais que, estamos seguros, non defraudará a ninguén", conclúe Carlos Montero.

Retrospectiva de Cinema Cubano actual

A produtora e directora artística de orixe cubana, Claudia Expósito, foi a encargada de realizar a selección de curtas que se exhibirán na IV edición do FIC Vía XIV de Verín. Os espectadores poderán ver as curtas Ángela, de Juan Pablo Daranas; Las muertes de Arístides, de Lázaro Lemus; Los viejos heraldos, de Luis Alejandro Yero; Gloria eterna, de Yimit Ramírez; Casa de la noche, de Marcel Beltrán; No country for old squares, de Yolanda Durán y Ermitis Blanco; El Pescador, de Ana A. Alpízar e Paisaje, de Daiyan Noa.

27062019-Claudia-ExpósitoA produtora e directora artística de orixe cubano, Claudia Expósito.

Esta retrospectiva será exhibida en dous bloques diferentes como programación paralela á do propio festival. É un claro exemplo da vocación social que ten o certame e que posibilita conectar Verín con outras realidades e culturas a través do cinema.

O FIC Vía XIV homenaxea a Mabel Rivera e organiza un concerto de música cubana entre as...