domingo 08.12.2019
Curtametraxes e actividades paralelas mistúranse no Festival de Curtas en Verín

Edelmiro Mateo, en Cámara e Batuta: "Grazas a música, a humanidade respira distinto"

Cinema Marabillas e Cámara e Batuta foron as actividades protagonistas da xornada do luns, xunto coa proxección das curtas de varias categorías do FIC Vía XIV de Verín. Hoxe presentarase a avance do documental Entroidar, de Pablo Ces.

Edelmiro Mateo na actividade Cámara e Batuta celebrada onte no Auditorio de Verín. | FOTO: Íñigo Rolán.
Edelmiro Mateo na actividade Cámara e Batuta celebrada onte no Auditorio de Verín. | FOTO: Íñigo Rolán.

Onte luns, pola mañá, o Auditorio de Verín acollía Cinema Marabillas, a actividade paralela deseñada pola organización do Festival de Curtas para involucrar aos máis novos no certame. Foron 360 as rapazas e rapaces dos colexios María Inmaculada e Amaro Refojo, do CEIP de Medeiros e do CEIP de Vilardevós os que participaron na iniciativa. Esta foi a primeira xornada das tres que se desenvolverán coa participación doutros centros educativos. "Ver para ler" é o eslogan co que se presenta a actividade Cinema Marabillas, que tenta achegar a maxia do cinema aos cativos da man de Raquel Queizás.

cine marabillas lunsO Auditorio de Verín na primeira xornada de Cinema Marabillas. Fonte: FIC Vía XIV.

A axenda do día completouse coa programación de diferentes curtas a concurso, enmarcadas nas categorías oficiais e rematou con Cámara e Batuta, outra actividade paralela da man de Edelmiro L. Mateo, o responsable da Coral Polifónica de Verín, que fixo unha evolución pola historia sobre a unión íntima que existe entre o cine e a música. Construíu os fitos máis importantes por medio de varias bandas sonoras, como as de Ennio Morricone ou a de Candilejas de Charles Chapplin. A Agrupación Instrumental Infantil do Convservatorio de Verín -dirixida por Miguel Ángel Guerra- tamén formou parte desta actividade, actuando previamente a Cámara e Batuta.

Edelmiro L. Mateo asegurou que "hoxe é imposible vivir sen música, está presente en cada momento, e grazas a música, a humanidade respira distinto". Tamén lle deu grazas aos espectadores por unirse á ilusión, un público moi emocionado que chegou a participar e cantar co protagonista de Cámara e Batuta.

Cabe salientar que, Suc de Síndria -Irene Moray-, unha das curtas pertencentes á categoría oficial Nova 2, foi nominada aos Premios Goya 2020 a mellor curtometraxe de ficción. Tamén, Homomaquia -David Fidalgo-, pertencente á categoría oficial A Raia 3, foi nominada a mellor cortometraxe de animación.

Hoxe, presentación do documental Entroidar

Hoxe, martes 3 de decembro, a xornada continúa coa segunda sesión de Cine Marabillas, a proxeción das curtas enmarcadas nas categorías Horizontes 2, A Raia 2, Nova 2, Nova 3, Nova 1 e Outra Mirada 2. Ademais, o Auditorio de Verín, ás 20:30 horas, acollerá outra das actividades paralelas programada para a cuarta edición do FIC Vía XIV, a presentación dun avance do documental Entroidar, realizado polo compostelán Pablo Ces.

Centrado no Entroido de Laza, o documental analiza as personaxes que o fan posible, os lugares nos que se fai e a propia celebración. O film, que está en proceso de realización, realiza un seguimento de diferentes referentes desta celebración e afonda nas súas vidas e no que significa o Entroido para elas e eles. Peliqueiros, madames e maragatos permitirán ver a transformación das persoas que están detrás das personaxes. Logo da proxección haberá un debate e, como complemento á actividade, poderase ver unha exposición baixo o título "Descubrindo o Entroido de Laza".

Un xurado composto por catro mulleres

A cuarta edición do Festival Internacional de Curtas de Verín deu o pistoletazo de saída o sábado pasado. Foi Emilia Somoza, coordinadora do certame e concelleira de Cultura da vila, a encargada de inagurar o festival. Somoza realizou un chamamento á participación de todos os verinenses no FIC Vía XIV, convidándoos a acudir a visionar as curtas programadas no marco do concurso oficial e a tomar parte "na completa axenda de actividades paralelas" deseñadas ao abeiro do certame.

Dende o sábado, ata o venres, proxectaránse as 52 curtas seleccionadas no marco da competición oficial, dentro das categorías Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova. E exhibiranse ata finais da semana, outras 20 curtas no marco das actividades paralelas. As mellores curtas serán premiadas na fin de semana por un xurado composto por catro mulleres: Raquel Anido, Neves Rodríguez, Nora Sola e Claudia Expósito. Xunto a isto, entregarase o Premio da Crítica, o Premio Numax e o Premio Público. Este último será elixido polos espectadores, que puntuarán de 0 a 10 todos os filmes nun novidoso sistema de votación que pondera o voto.

Edelmiro Mateo, en Cámara e Batuta: "Grazas a música, a humanidade respira distinto"
comentarios