viernes. 19.04.2024
Homenaxe á actriz galega, Mabel Rivera. | FOTO: Íñigo Rolán Taboada
Homenaxe á actriz galega, Mabel Rivera. | FOTO: Íñigo Rolán Taboada

A sétima xornada de proxeccións do FIC Vía XIV de Verín comezou ás 17:00 horas coas proxeccións das curtas pertencentes ás categorías oficiais A Raia 1 e Nova 4 no Auditorio, e Horizonte 1 e A Raia 2 na Casa da Cultura. Ás 18:30 horas foi o turno da segunda sesión da actividade paralela As dúas caras do Sahara Occidental, na que se proxectou L'Aarifa de Mohamed Salem Lansari, Braham Chagaf e Digya Mohamed-Salm e Tres cámaras roubadas, un proxecto colectivo de Equipe Media. A axenda completouse cunha homenaxe á actriz Mabel Rivera.

Ademais, esta mañá, algúns dos directores e profesionais que estes días participan no FIC Vía XIV desfrutaron hoxe dunha visita guiada polo Museo Claustro Mercedario.

Visita guiada no Museo Claustro Mercedario | FOTO: FIC Vía XIV

Homenaxe a Mabel Rivera

Cunha fecunda e prolífica traxectoria artística que inclúe teatro, cinema e televisión, Mabel Rivera é unha das actrices máis salientables das artes escénicas galegas. O FIC Vía XIV de Verín quixo renderlle homenaxe cunha actividade que incluiu o visionado dalgunhas das curtametraxes máis representativas da súa carreira e un coloquio no que participou a propia Rivera. Gañadora dun Premio Goya por Mar Adentro, no ano 2005, Mabel Rivera é un rostro ben coñecido para os telespectadores galegos pola súa participación na célebre serie Pratos Combinados, que estivo en antena durante oito anos na Televisión de Galicia.

No marco da homenaxe á actriz ferrolá proxectáronse Ato San Nen, de Pedro Collantes; Muero por volver, de Javier Marco; Dantzariak, de Axier Salazar e Anacos, de Xacio Baño. A actriz afirmou sentirse moi agradecida pola homenaxe, e expresou o seu apoio ao FIC Vía XIV de Verín, como proposta e espazo cultural que tenta achegar as novidades e tendencias cinematográficas a unha parte da poboación que, polo seu emprazamento periférico, ten menos opcións de ocio e lecer que os habitantes das urbes.

Homenaxe a Mabel Rivera no marco das actividades paralelas do FIC Vía XIV | FOTO: Íñigo Rolán Taboada.Homenaxe a Mabel Rivera no marco das actividades paralelas do FIC Vía XIV | FOTO: Íñigo Rolán Taboada.

Programación para o sábado, 7 de decembro

A programación do FIC para o sábado, último día de proxeccións é a seguinte: na Casa da Cultura desenrolaranse as actividades paralelas Festival Convidado RIR de Allariz e Retrospectiva de Cinema Cubano actual, ás 12:30 e ás 17:00 horas, respectivamente. Ás 21:00 horas é o turno da Gala Final desta IV edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín.

Homenaxe a Mabel Rivera no FIC Vía XIV de Verín