sábado. 20.04.2024
A Asociación Vía XIV continúa traballando na organización das actividades paralelas co fin de ofrecer unha semana chea de opcións ó abeiro do certame

Máis de 50 curtas de case 20 nacionalidades xa están seleccionadas para o concurso oficial do FIC Vía XIV

Ante a avalancha de curtas recibidas nas tres anteriores edicións, por primeira vez a organización do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín decidiu establecer un canon para a inscrición de películas no certame que se celebrará na vila dende o 30 de novembro e ata o 8 de decembro.

Público-asistente-ao-acto-co-alcalde-de-Verín-no-centro-1024x576
O acto de clausura da pasada edición encheu a sala principal do auditorio verinense.

Xa non queda nada para a posta en escena da IV Edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín. Será a partir do 30 de novembro cando comece unha intensa semana ó redor do mundo do cinema na vila de Verín. É por iso que a Asociación Vïa XIV, encargada da organización do certame, xa leva tempo traballando a reo.

Unha das cousas que máis tempo consume é a propia selección de curtametraxes con opcións ó concurso oficial. Facer o visionado de todos os films recibidos e a súa posterior selección é un arduo traballo en prol da procura da calidade que queren ofrecer ós espectadores dende a organización. En pasadas edicións do FIC Vía XIV chegaron a recibirse máis de 1.200 curtas; en concreto, na edición do 2018 foran 1.261, polo que iste ano decidiron facer unha preselección. 

Poderanse ver máis de 50 curtas na programación oficial, en bloques temáticos ó abeiro das catro categorías do Festival: Outra Mirada, Nova, A Raia e Horizontes

Por primeira vez existe unha cota simbólica para a inscrición de curtas, tan só dous euros, co fin de “establecer un filtro de calidade que posibilitara un cribado inicial das pezas recibidas”, tal e como salienta o director do Festival, Carlos Montero. Iste feito fixo que o número de curtas inscritas descendera con respecto a anteriores edicións, pero posibilita “aumentar aínda máis, se cabe, a súa calidade”, precisou Montero.

Os responsables do Festival Internacional de Curtas de Verín pechan nestes días os últimos flecos da selección oficial do certame que, polo momento, conta con máis de 50 pezas seleccionadas de case unha vintena de nacionalidades diferentes. Como sempre, as curtas serán exhibidas en bloques temáticos ó abeiro das catro categorías diferenciadas que ten o Festival: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova. Establécese un premio en cadansúa categoría de 750 euros, e outro adicional do público, cunha contía de 600 euros.

Actividades paralelas

Como en cada unha das pasadas edicións do FIC Vïa XIV, os responsables do Festival Internacional de Curtas de Verín programan unha serie de actividades paralelas arredor do cinema para involucrar a todos e todas os verineses no desenvolvemento do certame. É un xeito de complementar a oferta cinematográfica que xa ten por si mesmo o Festival, creando sinerxias culturais entre todos os sectores da vila. 

Entre as actividades xa confirmadas, cabe subliñar unha retrospectiva de cinema sahariano no ciclo As dúas caras do Sáhara occidental e outra de curtas feitas en Cuba, así coma unha homenaxe á traxectoria da actriz Mabel Rivera.

Máis de 50 curtas de case 20 nacionalidades xa están seleccionadas para o concurso...